O BNG en Vila de Cruces denuncia a falta de impulso político para recuperar o poboado de Fontao
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O portavoz municipal do BNG en Vila de Cruces, Álex Fiúza, denuncia a falta de impulso político para recuperar o poboado de Fontao e aproveitar os recursos residenciais existentes. Segundo os datos dispoñibles, entre vivendas do InstitutoGalego da Vivenda e Solo (IGVS) que permanecen sen alugar e outra vivenda municipal tamén está deshabitada, hai ao redor dunha ducia de vivendas baleiras nun concello que precisa aproveitar todas as oportunidades para atraer nova poboación.

Para o BNG, esta situación evidencia a necesidade dunha actuación coordinada entre a
Xunta e o Concello, que permita coñecer o estado dos inmobles, reparar aqueles que o
precisen e poñelos a disposición das persoas que poidan acceder a eles conforme aos
criterios legais. "Non ten sentido que teñamos vivendas baleiras en Fontao mentres Vila de Cruces necesita atraer novas familias. Estamos deixando sen aproveitar un recurso que xa existe e que podería axudar a fixar poboación no noso concello", afirma Álex Fiúza.
PUBLICIDADE
O portavoz nacionalista considera que o problema non se limita ás vivendas desocupadas.
O poboado precisa tamén actuacións de mantemento e conservación, tanto nos espazos
comúns como nos edificios. Entre as necesidades identificadas está o pintado das fachadas dos pavillóns que quedaron fóra da última intervención, ademais da avaliación do estado das portas, ventás de madeira e outros elementos das vivendas ocupadas, que co paso dos anos vanse deteriorando, e que seguramente faga falta cambialas para mellorar a eficiencia enerxética e o benestar de quen vive nelas. "Luis Taboada tivo anos para impulsar unha actuación seria en Fontao. Non abonda con reivindicar o seu valor histórico: hai que conservar o poboado, atender as necesidades das vivendas e traballar para que volva ser un lugar atractivo para vivir", sinala Fiúza.
O BNG considera que a recuperación de Fontao debe formar parte dunha estratexia
municipal para combater o despoboamento, facilitar o acceso á vivenda e aproveitar o
patrimonio histórico como recurso social, cultural e económico. Para iso, reclama que a
Xunta asuma as súas responsabilidades sobre as 14 vivendas do IGVS e que o Concello actúe sobre a vivenda municipal desocupada, ademais de colaborar na mellora do
conxunto.
PUBLICIDADE
A formación nacionalista impulsará iniciativas para reclamar un inventario actualizado das
vivendas, información sobre o seu estado e as causas da súa falta de ocupación, un
calendario para a súa posta en uso e un plan de mantemento das edificacións e do entorno. "Fontao non precisa máis anos de espera, senón decisións e actuacións concretas. Cada vivenda recuperada pode ser unha oportunidade para unha nova familia, e cada mellora no poboado é un investimento no futuro de Vila de Cruces", conclúe o portavoz do BNG.









Comentarios