top of page

Silleda culmina a venda de terreos a Sogama por 220.036 euros tras un complexo proceso

hace 6 minutos
3 min de lectura

A operación eleva a preto de 412.000 euros os ingresos municipais polavenda de parcelas industriais neste mandato


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de ingresar 220.036,40 euros, IVE incluído, pola venda á Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) de terreos municipais situados a carón da planta de transferencia de residuos que a entidade ten no polígono empresarial Área 33. A operación culmina un importante proceso de regularización urbanística impulsado polo goberno municipal, que permitiu resolver unha situación pendente dende hai anos e reordenar esta parte do parque empresarial, compatibilizando os usos industriais cos espazos libres e zonas verdes.


A orixe da compravenda remóntase ao ano 2014, cando o goberno municipal encabezado por Manuel Cuíña alcanzou un acordo con Sogama para resolver a débeda histórica que o Concello mantiña coa entidade polo impago do servizo de tratamento de residuos durante gobernos anteriores. Aquel acordo establecía un calendario de pagamentos para facer fronte á débeda e contemplaba, ademais, a futura adquisición por parte de Sogama de

terreos municipais próximos ás súas instalacións, unha operación condicionada á aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A prolongada tramitación do documento urbanístico, que non entrou en vigor ata maio de 2023, impediu materializar antes a compravenda. Mentres tanto, o Concello continuou cumprindo os compromisos económicos adquiridos ata conseguir liquidar definitivamente a débeda con Sogama en maio de 2021, sen necesidade de recorrer á venda dos terreos.


A regularización urbanística, clave para completar a venda

Coa entrada en vigor do PXOM en 2023, o Concello retomou as xestións para formalizar a venda. Para iso, era necesario resolver a situación urbanística dos terreos da contorna de Sogama, xa que parte da superficie ocupada polas súas instalacións estaba cualificada como zona verde.

 PUBLICIDADE

A solución foi promover unha modificación puntual do PXOM que permitiu regularizar os terreos ocupados por Sogama, compensar a zona verde afectada noutro espazo do polígono e delimitar correctamente as parcelas. Esta modificación foi aprobada inicialmente polo Pleno en maio de 2025 e definitivamente pola Xunta de Galicia en marzo deste ano.


A partir de aí, o Concello elaborou o correspondente proxecto de segregación e realizou os trámites necesarios para regularizar a situación catastral e rexistral dos terreos. Todo este proceso, desenvolvido en estreita coordinación entre os servizos municipais e os de Sogama, permitiu finalmente formalizar a compravenda.


A alcaldesa e responsable de Urbanismo, Paula Fernández Pena, amosa a satisfacción do goberno municipal polo resultado dunha operación que esixiu un importante traballo técnico e administrativo. "Estamos moi satisfeitas porque conseguimos culminar unha operación na que levamos anos traballando e que requiriu superar numerosos trámites

urbanísticos e administrativos. Non se trataba simplemente de vender uns terreos, senón de dar unha solución definitiva á ordenación desta parte do polígono, regularizar as parcelas e facer posible a compravenda", sinala.


A rexedora destaca ademais que "a solución finalmente adoptada foi máis complexa do previsto inicialmente, pero tamén máis completa, porque permitiu resolver a situación de Sogama e, ao mesmo tempo, poñer en valor outras superficies municipais que agora poden destinarse á actividade empresarial".


Preto de 412.000 euros en vendas de patrimonio municipal neste mandato

A venda a Sogama súmase ás outras dúas operacións de alleamento de parcelas municipais realizadas neste mandato no polígono Área 33, que permitiron mobilizar solo industrial e obter novos recursos económicos para o Concello.


Por unha banda, a propia modificación puntual do PXOM posibilitou a creación dunha nova parcela industrial de 991 metros cadrados, que foi adquirida mediante poxa pública pola empresa Coesco Deza (Culinaria) por 73.508,83 euros, IVE incluído.


Por outra, o Concello formalizou tamén a venda dunha parcela municipal de 1.551,51 metros cadrados, procedente da cesión realizada tras o desenvolvemento da nova fase do polígono, á empresa Fariña Maquinaria, por118.416,65 euros, IVE incluído.


En conxunto, estas tres operacións representan 411.961,88 euros, IVE incluído, resultado do traballo de regularización e posta en valor do patrimonio municipal desenvolvido ao longo deste mandato.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Estes ingresos constitúen novos recursos patrimoniais que permitirán ao Concello avanzar na execución do PXOM, especialmente na obtención de terreos destinados a novos espazos públicos, na promoción de solo para vivenda e no impulso de actuacións que faciliten a implantación e ampliación de actividades empresariais.


Para Fernández Pena, este balance pon de manifesto a importancia de contar cun instrumento de ordenación urbanística que permita planificar e impulsar o desenvolvemento do municipio. "Sempre defendemos que a aprobación do PXOM ía marcar un antes e un despois no desenvolvemento socioeconómico de Silleda, e agora empezamos a ver os seus froitos. Non se trataba só de aprobar un documento urbanístico,

senón de contar cunha ferramenta que nos permitise transformar o municipio, mobilizar solo para as empresas, facilitar o desenvolvemento de vivenda e conseguir novos espazos públicos para a veciñanza", explica.


A alcaldesa subliña que o traballo realizado durante este mandato está permitindo comezar a materializar as posibilidades que ofrece o novo planeamento.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page