O BNG elexiu por unanimidade a Mari Fernández Sanmartín candidata á alcaldía de Lalín
- ecosdacomarca

- hace 10 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín

A Asemblea Local do BNG de Lalín escolleu onte por unanimidade a Mari Fernández Sanmartín como candidata nacionalista á Alcaldía de Lalín nas vindeiras eleccións municipais de 2027. A proposta de Mari Fernández Sanmartín xa fora avalada por unanimidade do Consello Local do BNG a comezos deste mes de xaneiro, e logo de ser a única presentada, a Asemblea Local avalou onte a que é “a primeira candidata oficial do BNG” diante do traballo aberto na formación frontista de cara ás vindeiras eleccións municipais. Paco Vilariño, que xa advertira da súa intención de ceder a testemuña como cabeza de cartel municipal, afirmou sentirse “contento e orgulloso” da escolla de Mari Fernández Sanmartín. “Non só escollemos á candidata do BNG senón a futura alcaldesa de Lalín”, dixo.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

En rolda de prensa, os cargos orgánicos Manuel Carbón, Cristina Villar e Paco Vilariño arrouparon á nova candidata do BNG á Alcaldía destacando a súa “humildade, capacidade de diálogo, de traballo, honestidade e o feito de que ten un equipo e un proxecto claro para Lalín de cara aos vindeiros anos”. Destacaron que Mari Fernández Sanmartín ten “toda a organización traballando ao seu carón” e aseguraron que “imos dar o mellor de todas e todos nós para que Lalín teña o cambio que merece e unha alcaldesa á altura para atender as necesidades da veciñanza”.
Publicidade
“Nerviosa e ilusionada”, Fernández Sanmartín agradeceu “a confianza, o apoio e o traballo colectivo” de todo o BNG de Lalín, e tivo un recoñecemento especial para o actual voceiro municipal e predecesor na candidatura á Alcaldía, Paco Vilariño, do que asegurou que “para min é un referente político e humano, do que aprendín e sigo aprendendo sempre”.
Publicidade
Coa candidatura de Mari Fernández Sanmartín avalada por unanimidade da Asemblea Local do BNG de Lalín, a nova candidata asegurou que ten “ilusión, responsabilidade e a firme vontade de que o BNG lidere un proxecto de futuro para Lalín fronte a un PP esgotado e alonxado da realidade e as demandas da veciñanza”. Fernández Sanmartín asegurou que “Lalín precisa un cambio e o BNG está preparado para lideralo”.








Comentarios