top of page

O BNG e o PSOE lamentan a sentenza que anula a ocupación de fincas para a área deportiva de Lalín

6 sept
4 min de lectura

➡️Mari Fernández lembra ao goberno de Crespo que “o BNG leva advertíndolle anos que a xustiza ía dar a razón aos propietarios”

➡️Os socialistas acusan ao alcalde dunha “chapuza de principio a fin que pode deixar Lalín varios anos máis sen pistas de atletismo”



Ecos da Comarca/Lalín

O BNG e o PSOE de Lalín pronunciáronse onte sobre a sentenza que anula a ocupación de fincas para a área deportiva anexa ao Lalín Arena. O BNG exixe responsabilidades "pola nefasta xestión da ocupación dos terreos"  e agarda a que o Concello “teña a vergoña de non recorrela diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia". Mentres, o PSdeG-PSOE considera que a sentenza confirma as advertencias que os socialistas veñen realizando desde o inicio do proceso e reclama ao alcalde, José Crespo, "que abandone a vía da imposición e negocie cos propietarios unha solución que permita desbloquear o proxecto".


Pola súa parte, o BNG de Lalín lamenta que teñan que ser unha vez máis os tribunais os que dean a razón á veciñanza e condenen ao Concello de Lalín pola súa política urbanística “que reiteradamente pasa por riba da veciñanza, pisando os dereitos das veciñas e veciños de Lalín”. A voceira municipal nacionalista, Mari Fernández Sanmartín exixe ao goberno local do PP, diante da sentencia condenatoria feita pública onte por un medio de comunicación, que “deixe de pisar á veciñanza, escoite, negocie e chegue a acordos”.

Para o BNG de Lalín é “bochornoso” que teñan que ser os tribunais de xustiza os que reiteradamente “saquen as cores a un goberno do PP en Lalín que incumpre a legalidade

para impoñer como sexa os seus proxectos urbanísticos”. Lembra Mari Fernández ao goberno de Crespo que “fai anos que os propietarios dos terreos lindantes coa Avenida

Xosé Cuíña protestaron pola ocupación directa dos mesmos, polas formas, pola falta de

diálogo do goberno local e pola chulería coa que o PP de Lalín os tratou desde o

primeiro momento”. Xa entón, o BNG reuniuse e escoitou aos afectados “e

trasladámoslle ao goberno local as súas queixas lexítimas e a necesidade de sentarse con

eles”.


Fernández Sanmartín asegura que “agora son os tribunais os que nos dan a razón, a nós

e aos afectados aos que o goberno do PP non quixo escoitar”. O BNG de Lalín

considera “lamentable” que un goberno local que "usa unha figura inxusta como a

ocupación de terreos para a súa política urbanística para pasar por riba da súa propia

veciñanza”, teña que recibir “unha labazada xudicial” que ademais “nin é a primeira nin vai ser a última”. Advirte Fernández Sanmartín que tamén os propietarios das posteriores expropiacións de terreos para as pistas deportivas na zona do Lalín Arena “teñen ao concello nos tribunais polo xeito en que se tramitou o plan especial de infraestruturas deportivas que permitiu a expropiación forzosa e o xustiprezo ridículo co que o goberno do PP pagou esas fincas”, pendente de sentencia.


Diante "dun posíbel recurso contra a sentencia condenatoria da Sala Segunda do

Contencioso Administrativo do Tribunal de Instancia de Pontevedra", o BNG agarda que

o Concello de Lalín “teña a vergoña de non recorrela diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e deixe de gastar os cartos de todas as veciñas e veciños de Lalín para pelexar contra a mesma veciñanza á que obriga a defenderse xudicialmente dos seus propios gobernantes”.


Fernández Sanmartín lembra ao alcalde de Lalín que “non todo vale para saírse coa súa”

e exixe ao goberno do PP “respecto aos veciños e veciñas, e aos seus dereitos, porque o

Concello de Lalín non é propiedade do PP”. Ademais aféalle Fernández Sanmartín ao alcalde “a chulería” de facerse hai uns días unhas fotos para anunciar en prensa o proxecto “cando sabía que a ocupación dos terreos estaba xudicializada e a piques de recaer a sentencia”.


O BNG de Lalín anuncia ademais que levará este asunto ao vindeiro pleno. “Pediremos

explicacións de todo o acontecido e queremos que dunha vez por todas o goberno do PP

deixe de pasar por riba dos veciños e da oposición”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Pola súa banda, O PSdeG-PSOE de Lalín considera que a sentenza que anula a ocupación dos terreos para a futura área deportiva do Arena confirma as advertencias que os socialistas veñen realizando desde o inicio do proceso e reclama ao alcalde, José Crespo, que abandone a vía da imposición e negocie cos propietarios unha solución que permita desbloquear o proxecto.


“Levamos advertíndoo desde o principio: as instalacións públicas hai que facelas falando coa veciñanza, non pasando por riba dela, pero Crespo decidiu tirar pola vía da imposición e agora o Concello terá que devolver os terreos aos seus propietarios. É unha chapuza de principio a fin”, sinala a voceira socialista, Alba Forno.


Forno advirte de que “o peor é que as consecuencias non as vai pagar Crespo, vainas pagar Lalín por facer as cousas mal, podemos seguir varios anos sen as pistas de atletismo e sen a área deportiva que Lalín necesita”.


Os socialistas reiteran que apoian a creación das novas instalacións deportivas, pero consideran que ese obxectivo non pode alcanzarse vulnerando os dereitos dos propietarios. “Nós sempre defendemos o mesmo: queremos novas instalacións deportivas, pero non vale todo para facelas. Os dereitos dos veciños son os mesmos sexan quen sexan, caian ben ou mal ao alcalde e estean de acordo ou non co goberno municipal”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Por iso, Forno reclama ao alcalde que abra unha vía de diálogo e deixe de empeñarse en gañarlles aos veciños nos tribunais. Se este Concello foi capaz de negociar con outros propietarios cando lle interesou desbloquear actuacións, que negocie tamén agora. Hai que buscar un acordo que permita facer as instalacións e respectar os dereitos dos afectados”.


Finalmente, o PSOE pide ao goberno municipal que valore as consecuencias de prolongar o conflito xudicial. “Recorrer é unha decisión que terá que valorar o Concello, pero iniciar agora unha batalla xudicial que pode prolongarse durante anos non lle dá a Lalín nin unha pista de atletismo nin unha solución. O que necesitamos é desbloquear o proxecto, non eternizalo nos xulgados”, conclúe Forno.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page