O BNG e o PSOE de Lalín denuncian o cobro íntegro das cotas do Lalín Arena durante o mes de agosto
- ecosdacomarca

- 27 ago 2025
- 3 Min. de lectura
Lembran que durante máis de 15 días estas instalacións estiveron pechadas
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG e o PSOE de Lalín denuncian o cobro íntegro do Lalín Arena durante o mes de agosto, cando estivo pechado, do 1 ao 17 deste mes. A oposición recolle as queixas dos usuarios e consideran que isto non é xusto, polo que piden explicacións ao goberno local.
Por unha banda, a formación nacionalista faise eco das numerosas queixas de usuarios e usuarias do Lalín Arena que se dirixiron a eles para manifestarlle o seu malestar tras comprobar que o Concello de Lalín ven de cobrar a cota mensual de agosto de maneira íntegra, a pesar de que a instalación deportiva permaneceu pechada entre os días 1 e 17 dese mes. O seu voceiro municipal, Paco Vilariño, denuncia que o peche prolongado deixou sen servizo a centos de persoas que pagan puntualmente a súa cota e que consideran un abuso cobrar por un servizo que non se prestou.

"Non é de recibo que se cobre o mes enteiro cando a metade do tempo a instalación estivo
pechada", afirma Paco Vilariño.
Desde a organización nacionalistas lembran que o cobro íntegro destas cotas, pese ao peche da instalación, deriva da modificación da correspondente ordenanza fiscal, aprobada no Pleno Municipal de outubro de 2024. Esa modificación fiscal, aprobada polo Partido Popular, cos votos en contra dos concelleiros do Bloque Nacionalista Galego, establece que “non dará dereito á devolución nin compensación de ningún tipo nos prezos públicos xa abonados polos usuarios, no caso de peche das instalacións deportivas no período estival e peches en datas festivas”.
Dende o BNG de Lalín, lembran que o Lalín Arena é un espacio municipal, feito e financiado en boa medida con fondos públicos, polo que entenden que debería prevalecer a transparencia e a xustiza no cobro das cotas e, pese ao anterior, solicitan que se proceda a unha compensación inmediata, xa sexa mediante una devolución proporcional da cota cobrada sen ter prestado o servizo ou deducindo o importe correspondente na próxima mensualidade.
Publicidade
Con este novo episodio, unha vez máis, para o BNG ponse de manifesto "a nefasta xestión que o Goberno Municipal do Partido Popular ven levando a cabo no Lalín Arena, una infraestrutura que debería ser un referente deportivo e social para o noso concello, pero que acumula no tempo multitude de queixas e reclamacións relacionadas coa súa xestión e funcionamento".
Polo seu lado, O PSOE de Lalín pide que se facilite información ás persoas usuarias do Lalín do Arena sobre como se vai a xestionar a indemnización, se realmente a hai, do peche de máis de 15 días das instalacións. “Un ano máis, as persoas usuarias do ximnasio e piscina viron como se lle cargaba o recibo, pero carecen de información de se lles devolverán a parte proporcional ao peche”, relata o concelleiro socialista Mario López.
Publicidade
Cada ano, apuntan os socialistas, "a xestión do peche do Lalín Arena carece de transparencia" posto que, “as persoas usuarias están cuestionándose se lle devolverán os cartos ou non”, describe López. Engade que ao igual que colocaron carteliños informando do peche, “podían colocar outros ao lado explicando brevemente como se fará a devolución dos cartos, no caso dos pagos mensuais, e no caso dos bonos, se contarán con 15 días máis para poder gastalos”.
Dende o PSOE pregúntanlle á concelleira de Deportes se, primeiramente, lles van a devolver os cartos correspondentes a eses días e nos bonos aumentar o prazo para gastalos. “Agardamos que esta resposta sexa afirmativa, porque do contrario esixiremos
explicacións e que as persoas usuarias reciban algún beneficio por non dispor deste
espazo durante máis de 15 días”, reclama López. No caso de que sexa como en anos
anteriores, pregunta tamén se lles van facilitar a información de como se xestionará isto.








Comentarios