top of page

O BNG e o PSOE de Lalín cuestionan a recadación municipal de 2025

  • Mari Fernández critica a “nefasta xestión dun goberno que nos frite a impostos e ten que pedir créditos”

  • Alba Forno denuncia que Lalín “paga máis impostos ca nunca” mentres o PP “non ofrece nin máis servizos nin un proxecto de futuro para a vila”


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG e o PSOE de Lalín critican a recadación de impostos e taxas municipais do último exercicio por parte do Concello. Mari Fernández critica a “nefasta xestión dun goberno que nos frite a impostos e ten que pedir créditos” e Alba Forno denuncia que Lalín “paga máis impostos ca nunca” mentres o PP “non ofrece nin máis servizos nin un proxecto de futuro para a vila”.


Por un lado, o BNG de Lalín califica "de escándalo a recadación de impostos e taxas municipais no último exercicio por parte do Concello". Cos aumentos impositivos á veciñanza e a recuperación de novas taxas municipais, destaca o BNG local que “o goberno de Crespo ven de bater un récord de recadación dos petos das veciñas e veciños con case 600.000 euros máis”. A voceira municipal, Mari Fernández Sanmartín critica que “cunha recadación no pasado exercicio de máis de 8,9 millóns de euros en taxas e impostos municipais, o Concello de Lalín vai ter que explicar á veciñanza por que nos acaba de meter nun Plan Económico e Financeiro por rachar coa regra de gasto e nun novo crédito de máis de 4,2 millóns de euros que imos a pagar tamén as veciñas e veciños dos nosos petos”.


“Hai que ter moita cara para falar de boa saúde financeira do concello de Lalín como fixo o goberno no último pleno, sabendo que nun ano aumentaron a recadación municipal en case 600.000 euros a base de fritir a taxas e impostos á veciñanza e nin sequera así chegan os cartos para pagar o despilfarro e a nefasta xestión económica do goberno do PP”, sinala Fernández Sanmartín. O BNG de Lalín xa deixou claro no pasado pleno municipal que “non imos apoiar este despropósito” e Fernández Sanmartín reclama con urxencia “que o goberno local dea a cara e explique euro a euro onde van a parar os cartos das veciñas e veciños, porque todos sabemos que a melloras nos servizos non é”.

O BNG de Lalín xa votou en contra dun incremento de taxas e impostos municipais, e mesmo a recuperación de tributos como as plusvalías ou icio que o goberno local do PP levou a cabo no 2024. Mari Fernández afirma que “o obxectivo que tiña o goberno do PP con este atraco á veciñanza ven de confirmarse traducido nun aumento xeral do 7% na recadación” no último exercicio. Critica o BNG que foi precisamente o “recuperado polo PP” imposto de plusvalías, xunto co do lixo, o que representou “dous terzos deste incremento da recadación”.


Para o BNG de Lalín, as cifras oficiais confirman “un plan perfectamente orquestado polo goberno do PP para saquear á veciñanza”. Sinala Fernández Sanmartín que “o problema foi que nin aumentando en case 600.000 euros a recadación chegaron os cartos para pagar os despilfarros e a nefasta xestión económica do PP no concello de Lalín”. A voceira municipal do BNG advirte ao goberno de Crespo que “as cifras da recadación poñen negro sobre branco que temos un goberno local que saquea á veciñanza para pagar paparotas, obras faraónicas e mercadeo inmolbiliario”. Mentres tanto, critica Fernández Sanmartín que “as veciñas e veciños sufrimos a maior carga impositiva municipal da historia de Lalín sin ver a cambio mellora algunha nos servizos públicos municipais”.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

"Aos malos xestores nunca lle chegan os cartos"

Para o BNG de Lalín, a situación económica e financeira actual do concello é “a evidencia de que aos malos xestores nunca hai cartos que lle cheguen”. Critica Fernández Sanmartín que “mesmo atracando con taxas e impostos á veciñanza, recadando case 600.000 euros máis, vimos de comprobar como o goberno do PP non ten suficiente e segue a endebedar á veciñanza, que non só paga por habitante 550 euros pola débeda que xa temos, senón que a maiores viu medrar os recibos municipais e vai soportar un novo préstamo de 4,2 millóns de euros”.


Fernández Sanmartín advírtelle ao goberno local do PP que “non imos permitir que sigan arrastrando a Lalín ao desastre económico”. Sinala a voceira municipal que o BNG “leva meses advertindo que os indicadores económicos do noso concello son preocupantes”, algo que tamén quedou en evidencia no pasado pleno. “O goberno do PP rachou coa regra de gasto, aumentou un 20% o nivel de endebedamento e corremos o risco de ser intervidos polo Ministerio de Facenda”, lembra Mari Fernández, diante do que os nacionalistas lalinenses demandan ao goberno do PP “responsabilidade e un pouco de vergoña, e que dean explicacións á veciñanza do desgoberno económico e financeiro ao que están a someter a Lalín”.


Pola súa banda, a voceira municipal socialista, Alba Forno, denunciou onte que o Concello de Lalín “está a cobrar máis impostos ca nunca á veciñanza” sen que iso se traduza “nunha mellora real dos servizos públicos, da actividade económica ou da calidade de vida”.


Forno fixo referencia aos datos da recadación municipal de 2025 por impostos e taxas, que como xa avanzara o PSOE marcan un récord histórico e revelan un incremento de case 600.000 euros na recadación respecto ao ano anterior. “Subiu o IBI e págase tanto en Lalín como na Castellana, recuperáronse as plusvalías, elimináronse as bonificacións no ICIO, aumentou a taxa do lixo, os ingresos por multas, as terrazas, etc. A presión fiscal segue aumentando mentres a xente non percibe que Lalín estea mellor”, afirmou.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A socialista insistiu en que o PSOE “non cuestiona os impostos como ferramenta para garantir servizos públicos de calidade”, pero diferenciou claramente ese modelo do que aplica o PP en Lalín. “Defendemos impostos xustos, distribuídos de maneira equilibrada, para mellorar a vida da xente. O que non podemos aceptar é que este goberno utilice esa subida constante de impostos para financiar despilfarro, propaganda, cocidos en Nova York ou mesmo as súas propias subidas salariais”, criticou.

 

Neste sentido, Alba Forno cualificou de “profundamente contraditorio” que o goberno local chegase a presentar mocións no pleno reclamando ao Goberno de España unha baixada de impostos “mentres aquí, en Lalín subiron todos os tributos municipais”.

 

A voceira socialista advertiu ademais de que os datos económicos “confirman unha percepción crecente na rúa”. “Cada vez hai máis veciños e veciñas que senten que Lalín está parado. Cerran comercios, pérdese actividade, hai menos dinamismo, non se percibe vida nin oportunidades de futuro”, explicou.

 

“Foron capaces de levar a recadación municipal a máximos históricos, pero iso non se traduce nun Lalín con máis oportunidades nin cun proxecto de futuro claro”, engadiu.

 

Por último, Forno alertou de que esta situación “evidencia o esgotamento dun modelo baseado en subir impostos e facer propaganda mentres os problemas reais da veciñanza seguen sen resolverse”. “A realidade é que a xente paga máis ca nunca, pero Lalín non está mellor. E iso xa o percibe moita veciñanza no seu día a día”, concluíu.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page