top of page

O BNG denuncia unha “dobre vara de medir do PP na Xunta para beneficiar proxectos empresariais"

 Cargos institucionais e orgánicos do Bloque analizaron en Santiso o impacto que terá Altri nas comarcas da Terra de Melide e Arzúa, ao tempo que denunciaron "un trato de favor por parte do executivo galego"


Ecos da Comarca/Comarca Arzúa/Terra de Melide

O BNG das comarcas da Terra de Melide e Arzúa reuniuse en Santiso para avaliar o impacto que terá o proxecto de Altri nestas localidades, nunhas comarcas cun importante peso do sector primario e que se verían afectadas no caso de prosperar a implantación da factoría en Palas de Rei. Ademais denuncian unha “dobre vara de medir” por parte da Xunta de Galiza para beneficiar proxectos empresariais en relación ao informe da consultora que avala a construción dunha celulosa en Palas de Rei, a mesma consultora que rexeitou o traslado de Ence de Lourizán.

 “Resulta curioso como o goberno do Partido Popular defende ao mesmo tempo que a celulosa de Ence só pode existir na ría de Pontevedra e promove outra celulosa no Ulla”, denuncia Iria Carreira, deputada no Parlamento Galego. “No ano 2021 o actual presidente da Xunta de Galiza, daquela Vicepresidente e conselleiro de Economía, defendía que non había alternativa para Ence. Como é posíbel que non haxa alternativa para trasladar esa celulosa no 2021 e agora, en 2024, defendan que a ubicación idónea para esta macrocelulosa sexa o Ulla?” explicou Carreira. “Isto só é unha mostra máis da manipulación que está a facer Alfonso Rueda desde a Xunta de Galiza para favorecer os intereses de grandes empresas por riba do futuro do País”, sinalou a deputada nacionalista.

 

Publicidade

Desde o BNG comarcal denuncian este trato de favor para un proxecto que suporía unha “catástrofe ambiental xa non só para as comarcas máis próximas, senón para todo o País”. Apuntan neste senso "á contaminación que iría parar á bacía do Ulla, xa danada actualmente e con problemas graves de polución, e empeoraría a súa situación desde Santiso ata a ría de Arousa, o que se sumaría aos danos nos ecosistemas ao potenciar o monocultivo de eucalipto".

“Desenvolveremos iniciativas nas institucións, mais tamén traballo nas rúas, para denunciar a bomba que suporía Altri para o noso País, pero sobre todo, para denunciar a connivencia do Partido Popular que antepón, unha vez máis, o lucro empresarial ao benestar das galegas e os galegos”, concluíu Iria Carreira. 



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page