O BNG denuncia que a Xunta use un magosto do PP de Agolada para facer propaganda das parcelarias
- ecosdacomarca

- hace 20 horas
- 2 Min. de lectura
E cuestiona que "negue o papel do BNG e da veciñanza organizada"
Ecos da Comarca/Agolada
A deputada do BNG no Parlamento galego polo Deza, Ariadna Fernández, e a portavoz
municipal do BNG en Agolada, Susana Tato Pampín, cualifican de “pura propaganda partidista” o anuncio feito pola conselleira de Medio Rural no magosto do PP de Agolada, onde afirmou que “as dúas primeiras concentracións parcelarias están a piques de publicarse” e que “non se fan por presións”, senón como parte dun traballo “longo e complexo”.
“As presións ás que se refire o PP son as do BNG e da Asociación Queremos Parcelarias, que levamos anos insistindo e reclamando solucións”, respondeu Ariadna Fernández. “Se hoxe as parcelarias de Agolada seguen vivas é precisamente pola perseveranza da xente que se mobilizou, non pola vontade política do Partido Popular.”

As nacionalistas lembran que as concentracións parcelarias de Agolada levan case vinte anos de atraso, con procesos abertos e logo paralizados, e con máis de 800.000 euros investidos que estiveron a piques de perderse. “Falamos de oito zonas de concentración e de milleiros de parcelas afectadas, Sexo, Eidián, Ramil, Basadre, Agra, Val de Sangorza, Baíña, Órrea e Berredo, onde a veciñanza leva décadas agardando por un decreto que nunca chega”, recordou Fernández.
Pola súa banda, Susana Tato Pampín destacou o papel da Asociación Queremos Parcelarias, que xunto co BNG “mantivo viva a reivindicación cando a Xunta xa daba o asunto por morto”. “Foron anos de escritos, mocións, preguntas no Parlamento, visitas a Santiago e mobilizacións no propio concello. E agora teñen a ousadía de dicir que isto non se fai por presións... Cando a realidade é que só se moveron porque nós empurramos”, subliñou Tato.
As dúas representantes consideran “inaceptable” que un anuncio deste calado se faga nun magosto dun partido político, en lugar de a través dunha comunicación oficial á veciñanza. “Non se pode confundir institución con partido nin utilizar festas para facer autobombo mentres non hai nin datas nin documentos oficiais”, engadiu Ariadna Fernández.
Publicidade
O BNG lembra que "o propio orzamento da Xunta para 2026 destina só 16,7 millóns de euros para todas as parcelarias de Galiza, cando só as de Agolada requiren máis de 11 millóns, o que demostra que o anuncio é“fume electoral e nada máis”. “Moita festa, moito anuncio, pero cero certezas. Agolada precisa decretos no DOG, non discursos nun magosto”, concluíu Susana Tato.
“Cando o PP di que isto non se fai por presións, o que realmente quere dicir é que só traballan cando o BNG e a veciñanza lles apretan”, sentenciou Ariadna Fernández. “E iso, en política, é o mellor retrato da súa falta de compromiso.”
NOTICIA RELACIONADA:
Medio Rural anuncia no magosto do PP agoladés que "dúas parcelarias están a piques de publicarse": https://www.ecosdacomarca.com/post/medio-rural-anuncia-no-magosto-do-pp-agolad%C3%A9s-que-d%C3%BAas-parcelarias-est%C3%A1n-a-piques-de-publicarse







Comentarios