O BNG denuncia "o estado tercermundista dos accesos da AG-53 en Dozón"
- ecosdacomarca

- 24 feb
- 2 min de lectura
Lamenta que un camión de penso quedou atrapado na lama nunha vía de servizo anexa á
rotonda de enlace coa N-525 debido ao nulo mantemento e a falta de drenaxes
Ecos da Comarca/Deza
O BNG do Deza denunciou onte publicamente o estado de "abandono absoluto no que se atopan as vías de servizo e os accesos á autoestrada AG-53 ao seu paso polo concello de Dozón". A formación nacionalista calificou de "terceiromundista a situación vivida nestes días, na que un camión de transporte de penso a granel quedou atrapado e bloqueado pola lama nunha vía anexa á rotonda de enlace coa N-525, despois de quedar enterrado outro vehículo con anterioridade".

O incidente, apunta, "provocado pola nula limpeza de cunetas e o deterioro extremo do firme tras as chuvias de inverno, obrigou ao gandeiro afectado a empregar os seus propios medios agrícolas para rescatar o vehículo pesado e garantir así a alimentación dos animais na súa explotación e a outro gandeiro a facer arranxos para que os camións accederan á súa granxa esta semana sen ter problemas. O rural non pode producir sen infraestruturas dignas".
Publicidade
Dende o BNG de Deza sinalan que este non é un feito illado, senón a consecuencia directa de anos de falta de investimento e mantemento por parte da concesionaria ACEGA e da desidia da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia. "É intolerable que mentres se seguen a cobrar peaxes abusivas na AG-53, as vías de servizo que deben dar vida ao noso sector primario estean convertidas en lamaceiras intransitables", denuncian dende a organización nacionalista. "Un camión de 40 toneladas non pode quedar á mercé de que unha cuneta estea tapada ou un firme desfeito; estamos a falar da seguridade dos traballadores e da viabilidade económica das nosas granxas".

Esixencias inmediatas
O BNG de Deza presentará iniciativas nas institucións correspondentes para esixir:
1. A limpeza urxente de todas as cunetas e sistemas de drenaxe no contorno do enlace de Dozón para evitar o asolagamento das pistas.
2. O reforzo inmediato do firme nos accesos e vías de servizo para asegurar o tránsito de vehículos pesados en calquera condición meteorolóxica.
3. Unha maior vixilancia sobre a concesionaria ACEGA, para que cumpra coas súas obrigas de mantemento integral da vía e os seus anexos.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

"Dende o BNG non imos permitir que se siga discriminando aos veciños e profesionais de Dozón. Se a Xunta non é quen de facer que a concesionaria cumpra, debe asumir ela mesma a reparación destes accesos vitais para a comarca do Deza", concluíron.







Comentarios