O BNG denuncia o abandono dos dependentes en Deza, Tabeirós e Terra de Montes
- ecosdacomarca

- hace 6 horas
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
Os nacionalistas critican a falla de recursos de atención aos maiores, que derivan nun aumento expoñencial das solicitudes e concesións do Bono Coidado no Fogar nos concellos máis rurais e sobrecargan ás familias en lugar de ofertar servizos públicos e de calidade. E sinalan que as comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes non é allea á crise demográfica que sofre Galiza, agravada nas zonas do interior do país, resultado da falla de políticas públicas centradas no rural.

"O despoboamento acelerado, o envellecemento e a falla de servizos públicos evidencian anos de desatención e abandono institucional que deixa cifras alarmantes. Galiza supera con moito a taxa de envellecemento do conxunto do Estado, sen que a Xunta teña posto en marcha medidas á altura deste desafío. Na comarca, concellos como Rodeiro, Vila de Cruces, Agolada, Dozón ou Forcarei superan amplamente o 30% de persoas maiores de 65 anos, o que require unha resposta pública urxente que, a día de hoxe, non existe e que se adapte ás necesidades da poboación", recalca o BNG.
Neste contexto, o chamado Bono Coidado no Fogar, posto en marcha pola Xunta a finais de 2023, está a experimentar un aumento notable de solicitudes na comarca. "Porén, lonxe de ser unha solución eficaz, este bono evidencia o fracaso das políticas públicas en materia de dependencia. Cunha contía que apenas supera os 400 euros mensuais, non garante unha atención digna nin profesionalizada, senón que traslada a responsabilidade ás familias, cun claro impacto de xénero, xa que son maioritariamente as mulleres quen asumen estes coidados, vendo limitadas as súas oportunidades laborais e persoais. A Xunta, lonxe de corrixir esta desigualdade, contribúe a perpetuala coa súa inacción".
PUBLICIDADE
A deputada nacionalista Ariadna Fernández insiste “o recurso deste bono non responde a unha escolla libre, senón á falta de alternativas reais: non hai prazas públicas suficientes nin un Servizo de Axuda no Fogar que cubra as necesidades existentes. Como consecuencia, moitas familias vense obrigadas a asumir os coidados en condicións
precarias sen que o goberno estea á altura das circunstancias e dos coidados que se
precisan.”
Segundo os datos da propia Consellería de Política Social nas comarcas hai 1400 persoas beneficiarias do Bono Coidado no Fogar, cun aumento das solicitudes, que no 2024 eran 1282 e no pasado ano foron 1421. "Malia gran cantidade de demanda, a realidade foi que só se concederon 272 e 814 respectivamente, feito que constata un grande aumento das familias que están a percibir escasos 400 euros por falla doutro recurso máis axeitado para a atención dos seus dependentes e que demostra que o investimento en prazas públicas de residencia e centros de día na comarca é mínima, máis aínda cando se fala de prazas públicas",
PUBLICIDADE
“A posta en marcha de infraestruturas sen planificación real que poña ás persoas no centro, como a residencia de Dozón sen prazas garantidas para a veciñanza da contorna, exemplifica unha política de anuncios baleiros que non resolve os problemas de fondo”, declara Fernández, que ven de presentar iniciativas ao respecto no Parlamento Galego.
Para o BNG é vital impulsar unha rede de residencias e centros de día de carácter público que oferten as prazas necesarias para os veciños e veciñas, cun aumento do investimento no SAF que permita aumentar as horas de atención e mellorar as condicións de usuarios e traballadores/as. Segundo Fernández, “O que está a acontecer en Deza, Tabeirós e Terra de Montes non é un feito illado, senón o reflexo dun modelo de país que a Xunta está a abandonar. O incremento do uso do Bono Coidado no Fogar non é un éxito, senón un síntoma da falta de servizos públicos. Sen un cambio profundo nas políticas públicas, o rural galego continuará perdendo poboación, servizos e futuro".








Comentarios