top of page

O BNG denuncia o abandono da saúde mental en Deza, cun psiquiatra e unha psicóloga para 40.000 persoas

A deputada Ariadna Fernández afea que o PP vote no Concello a favor de ter máis facultativos no CIS de Lalín, mentres se opón no Parlamento


Ecos da Comarca/Lalín

A deputada do BNG, Ariadna Fernández, reclamou a dotación dun psicólogo e un psiquiatra máis para poder garantir a calidade do servizo de saúde mental no Centro Integral de Lalín. Denuncia "o abandono da saúde mental na comarca de Deza, cun psiquiatra e unha psicóloga para atender a 40.000 persoas, aos que nin sequera se lles cobren as baixas, vacacións ou días de asuntos propios e con listas de agarda de máis de medio ano",


“Temos un centro de saúde que vostedes –deputados do PP— e os seus compañeiros do Partido Popular de Lalín din que se vai converter nun hospital de día. Teño as miñas dúbidas cando non somos capaces nin sequera de garantir o persoal nos servizos básicos”, declarou a deputada de Deza no inicio da súa intervención.

ree

O BNG rexeitou a emenda presentada polo PP na que dicía que poñerían os facultativos ‘cando se poida’.  “Cando se poida é unha cuestión de fe”, manifestou Fernández, quen advertiu ao PP: “Vostedes verán se votan o mesmo que os seus compañeiros de Lalín e ven os mesmos erros e as mesmas eivas, ou se desde Santiago se perciben outro tipo de cousas”, como finalmente sucede porque o PP votou en contra da iniciativa defendida pola deputada nacionalista.


Subliñou que, no caso da especialidade de psiquiatría, os rateos recomendados en Galiza son de entre 13 e15 facultativos por cada 100.000 habitantes –oito en realidade—, mentres no Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, a situación é especialmente grave porque só hai un para 40.000 habitantes.


Fernández denunciou que, alén de contar cun só profesional en cada especialidade, as baixas, vacacións ou días de asuntos propios non se cobren, o que deixa o servizo completamente deserto durante días ou semanas. No mes de agosto, por exemplo, as vacacións do psiquiatra deixaron o centro sen atención en saúde mental, apuntou.


Ademais, sinalou que a realidade tradúcese en demoras de máis de medio ano para obter unha primeira cita, interrupcións nos tratamentos e cancelacións de consultas xa programadas. “Hai pacientes que levan meses esperando unha revisión, sen saber se deben seguir tomando a medicación ou interrompela. Isto é un despropósito sanitario e unha absoluta falta de respecto á veciñanza”, criticou.


Acusouo PP de seguir reducindo persoal e recortando servizos no canto de actuar,  e de anunciar compromisos en notas de prensa que despois, comprobando os datos, “son ridículos e insultantes para os veciños”. Fernández lembrou ademais que o Consello de Contas “chama a capítulo o Goberno e a Consellería” e di que os resultados conseguidos co Plan de Saúde Mental da Xunta indican que non se reduciron as listas de agarda e que aumentou o consumo de medicamentos. Ademais, o órgano fiscalizador aconséllalle ao Goberno de Rueda a implantación da psicoloxía clínica en Atención Primaria e a contratación de persoal especializado.


Segundo datos aportados pola deputada, Galicia é a comunidade autónoma con maior consumo de ansiolíticos do Estado español, cunha media de 8 millóns de receitas ao ano, e onde a taxa de suicidios é a maior do Estado e non deixa de medrar, especialmente entre maiores, mulleres e menores de 19 anos, cun aumento do 52% de receitas expedidas. “A actuación é necesaria e urxente”, apremiou Fernández.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A parlamentaria nacionalista relatou na súa intervención unha experiencia persoal vivida nunha aldea de Lalín, na que unha muller confesou sufrir pensamentos suicidas e que a única resposta que recibiu foron ansiolíticos. Nin unha soa consulta de psicoloxía nin de psiquiatría. “Sería moi reprobable chamarlle a isto un caso illado”, afirmou, rebatendo así as acusacións do PP de que o BNG sempre anda buscando casos illados e creando alarma para criticar a política sanitaria da Xunta de Rueda. “Paréceme unha resposta canto menos ridícula”, espetou a deputada do Deza aos populares.


Fernández aproveitou tamén a súa intervención na Comisión de Sanidade para recordar que a situación da pediatría de Lalín, que “daría para un monográfico”, enfatizou, lamentando que a praza da tarde, que está vacante, tampouco se vai cubrir. “Cando non son capaces de facer atractiva unha praza de pediatría no centro de Galiza, nunha vila de 20.000 habitantes, ben conectada, é que teñen unha incapacidade elevada para cubrir determinadas prazas”, rematou.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page