O BNG denuncia o abandono da atención primaria de Rodeiro
- ecosdacomarca

- hace 13 horas
- 2 Min. de lectura
Esixe á Xunta cobertura inmediata das prazas médicas en horario completo
Ecos da Comarca/Rodeiro
O BNG vén de rexistrar iniciativas parlamentarias para denunciar "a grave situación
sanitaria" que atravesa o concello de Rodeiro e reclamar á Xunta de Galicia medidas
urxentes para garantir unha atención sanitaria digna á veciñanza. A formación
nacionalista critica a “absoluta falla de resposta” da Consellería de Sanidade ás reiteradas
demandas trasladadas desde o municipio e considera que esta situación evidencia “o
desinterese do Goberno galego polos servizos públicos no rural, contribuíndo ao
progresivo abandono do interior do país” como declara a deputada Ariadna Fernández.

Na actualidade, apunta, o centro de saúde de Rodeiro sofre unha situación límite. "Unha das dúas médicas asignadas auséntase por incapacidade temporal e a outra conta cunha redución de xornada, sen que o Sergas cubrise ningunha destas ausencias de maneira
completa. Como consecuencia, a atención sanitaria integral só se presta en horario
completo en días alternos, mentres que o resto da semana o servizo redúcese ata as
12:00 horas".
PUBLICIDADE
Ademais, sinala que as urxencias e as visitas domiciliarias dependen de profesionais
desprazados desde Lalín ou do CIS da comarca, obrigando á veciñanza a desprazarse
para recibir atención médica ou incrementando a sobrecarga do persoal sanitario.
O BNG denuncia tamén a desaparición progresiva do servizo de pediatría en Rodeiro, que actualmente non conta con ningún pediatra. Esta situación obriga ás familias a trasladarse a Lalín en horario de mañá ou ao CHUS pola tarde para que as crianzas poidan ser atendidas por un especialista. “A Xunta está a condenar ás persoas que viven no rural a unha sanidade de segunda. Non cubrir baixas nin reducións de xornada nun centro de saúde como o de Rodeiro é unha irresponsabilidade que pon en risco a atención sanitaria da veciñanza”, sinala Fernández.
PUBLICIDADE
A formación rexistrou distintas iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións á Consellería de Sanidade e reclamar solucións inmediatas. Entre as medidas propostas inclúense a cobertura urxente das baixas e reducións de xornada do persoal facultativo de xeito completo, a restitución do servizo de pediatría no concello e a resposta inmediata ás demandas trasladadas polo Concello de Rodeiro. O BNG reclama á Xunta que abandone “a política de recortes e abandono do rural” e garanta uns servizos públicos de calidade que permitan fixar poboación e asegurar condicións de vida dignas no interior do país.








Comentarios