O BNG denuncia a situación do PAC de Teixeiro, ao que acuden tamén os veciños de Sobrado dos Monxes
- ecosdacomarca

- 19 mar 2023
- 2 Min. de lectura
O vindeiro sábado haberá unha mobilización pola falta de persoal neste centro médico
Ecos da Comarca/Sobrado dos Monxes
O BNG achegouse ao Punto de Atención Continuada de Teixeiro, ao que tamén acuden os veciños de Sobrado dos Monxes, para coñecer de primeira man o empeoramento do servizo que está a provocar a falta de persoal e recursos para a atención primaria. Estiveron presentes nesta visita os portavoces do BNG en Curtis e Vilasantar, Lucas Quintas e Álvaro García, a concelleira María Seoane e o deputado nacionalista no Parlamento da Galiza, “Mini” Rivas.

“Volvemos ser testemuña directa do empeoramento da sanidade ao que o goberno do PP está condenando a galegas e galegos. Neste caso, vemos como os catro concellos –Curtis, Vilasantar, Sobrado e Aranga- que dependen deste PAC teñen unha evidente falta de persoal, ao contar cun único facultativo para o servizo de urxencias e que, no caso de ter que realizar unha visita domiciliaria, deixaría sen capacidade de atención a quen acuda ao centro”, declarou o voceiro nacionalista en Curtis, Lucas Quintas, “esta situación está agravada desde hai uns meses, ao ter que suplir de forma habitual ao equipo médico propio do centro penitenciario de Teixeiro”, concluíu.
Os nacionalistas anunciaron que presentarán unha nova iniciativa no Parlamento a través do seu deputado “Mini” Rivas instando a tomar medidas á Xunta da Galiza. “O goberno de Rueda é consciente da situación, mais segue mantendo nunha situación precaria o servizo médico nos concellos de Aranga, Vilasantar, Curtis e Sobrado que dependen deste PAC”, aseverou o deputado, “sen esquecer aos internos do penal, os veciños e veciñas do rural temos dereito a ter os mesmos servizos que os que viven nas cidades, se queremos manter poboación nos concellos rurais temos que ter uns servizos de calidade”. Desde o BNG chaman a participar da mobilización convocada en defensa dunha atención sanitaria digna, que terá lugar diante do Centro de Saúde de Teixeiro ás 11:30 horas do vindeiro sábado, 25 de marzo.







Comentarios