O BNG denuncia a situación da barcaza de Portodemouros
- ecosdacomarca
- hace 41 minutos
- 2 Min. de lectura
Reclama o mantemento do servizo gratuíto 24 horas durante todos os días do ano, tal e como recolle a lexislación, así coma a mellora do propio espazo
Ecos da Comarca/Xeral
Militancia da organización nacionalista acompañados de diferentes cargos orgánicos e institucionais déronse cita esta fin de semana xunto con veciñanza de ambas marxes do Ulla en Loño (Vila de Cruces) para denunciar a situación na que se atopa o servizo de ferri entre este lugar e a parroquia de Beigondo en Santiso. Este servizo gratuíto que debería funcionar ininterrompidamente para conectar os concellos de Arzúa e Santiso con Vila de Cruces tiña previsto estar suspendido durante o mes de outubro para realizar o seu mantemento periódico segundo a comunicación enviada pola empresa, mais esta previsión non se está a cumprir.

Os alcaldes de Arzúa e Santiso, Xoán Xesús Carril e Manoel Adán, así coma Alex Fiúza, portavoz municipal do BNG en Vila de Cruces, denuncian o agravio que supón para a veciñanza non contar con información veraz sobre o funcionamento deste servizo. “Hai persoas que están facendo un percorrido de 20 minutos por estrada cando este servizo está operativo por mor dunha información incorrecta proporcionada por parte da empresa”, denuncia Fiúza. Unha información que tampouco se está a dar correctamente aos concellos. “Non podemos saír do concello sen que houbese ningunha rectificación sobre a previsión de parar durante todo o mes de outubro e chegar ao encoro e ver a barcaza operando con normalidade”, salienta Carril.
Publicidade
Ademais a organización denuncia o estado no que se atopan os accesos para utilizar este servizo de ferri. “Uns accesos completamente inseguros e sobre os que actúan os concellos e a veciñanza ante a pasividade de Naturgy e a Xunta de Galiza”, denunciou Adán, ao tempo que demandou “condicións de seguridade para as persoas que se achegan ata aquí”.
Pola súa banda, as deputadas nacionalistas Ariadna Fernández e Iria Carreira anunciaron o compromiso de trasladar esta problemática ao Parlamento galego para demandarlle á Xunta de Galiza un maior compromiso e control sobre esta situación para manter operativo o servizo de xeito ininterrumpido. “Existe un acordo parlamentario do ano 2021 para esixirlle á Xunta de Galiza actuacións para garantir o funcionamento deste servizo e vemos como o Partido Popular fai caso omiso do mesmo”, denuncia Fernández. “Seguiremos denunciando a situación e esixindo que a Xunta garanta os dereitos de toda a veciñanza”, concluíu.
Comentarios