O BNG denuncia "a manipulación e a oposición destrutiva" do PP de Arzúa sobre a ponte de Maroxo
- ecosdacomarca

- 20 oct 2025
- 2 min de lectura
Confirma o rexistro do proxecto de arranxo desta en Augas de Galiza así coma a solicitude de colaboración dos gobernos galego e estatal
Ecos da Comarca/Arzúa
O BNG de Arzúa denunciou a manipulación e a “oposición destrutiva” que está a facer o Partido Popular da localidade sobre a situación da ponte caída en Maroxo. “O goberno municipal de Arzúa leva desde o minuto cero en que a ponte colapsou traballando para ter un proxecto para o seu arranxo urxente e con garantías, unha cuestión que require de precisión técnica. Neste momento ese proxecto é xa unha realidade e sabemos que o arranxo desta ponte supera os 300.000 €,” apunta Lucía López, voceira municipal da organización. “Desde a Alcaldía téñense solicitado xuntanzas coa Consellería de Medio Rural, con Augas de Galiza así coma co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para demandar a colaboración entre institucións para levar a cabo este arranxo, pois facelo unicamente con fondos municipais vai supor que o Concello de Arzúa fique sen orzamento para afrontar outras cuestións, que son tamén moi necesarias. A día de hoxe nin Xunta nin Ministerio deron resposta aínda”.

A organización nacionalista remarca a “descarada actuación partidista do PP gobernando Xunta de Galiza, máis preocupada polos intereses do Partido Popular que polos da veciñanza de Maroxo e de Arzúa”, denuncia López, quen lembra a falta de investimentos do goberno galego neste concello, e cuxo desleixo fica patente “no intento torticeiro de manipular a opinión pública mentindo burdamente en relación coa solicitude xa rexistrada en Augas de Galiza por parte do Concello e tamén fica ben clara cando a día de hoxe seguimos sen resposta á solicitude de reunión urxente co Alcalde de Arzúa para tratar un asunto tan relevante coma este” sinalou a voceira nacionalista. “Este é o nivel de preocupación do PP por esta cuestión, están máis interesados en intoxicar e crispar á poboación ca en que se resolva esta situación” sinalou López.
PUBLICIDADE
Lucía López manifestou a vontade do goberno municipal de chegar a un acordo coas demais administracións para lograr este arranxo. "Non podemos obviar o impacto que tiveron as obras da construción da A 54, mais tampouco o estado do leito do río Iso previo ao derrubamento", sinalando a competencia tanto do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, coma de Augas de Galiza, responsábel do mantemento do bo estado das concas fluviais.
PUBLICIDADE
"Desde o concello estamos traballando por unha solución para a ponte de Maroxo, como mostra que teñamos un proxecto xa rexistrado en Augas de Galiza, mais non podemos permitir o desleixo das demais Administracións sen que asuman responsabilidades", concluíu.
NOTICIA RELACIONADA:
O PP denuncia "o abandono do tripartito co arranxo da ponte de Maroxo, un ano despois do seu peche": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-denuncia-o-abandono-do-tripartito-co-arranxo-da-ponte-de-maroxo-un-ano-despois-do-seu-peche








Comentarios