O BNG denuncia a falta de persoal de apoio en centros educativos de Lalín
- ecosdacomarca

- hace 6 días
- 2 Min. de lectura
Esixe á Xunta solucións inmediatas
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a grave situación que están a padecer os centros públicos de ensino no concello de Lalín como consecuencia da falta de persoal de apoio e reclama á Xunta de Galicia a adopción de medidas urxentes que garantan unha educación pública de calidade e verdadeiramente inclusiva.

A formación nacionalista sinala que as mobilizacións da comunidade educativa en todo o país son un reflexo do deterioro do sistema de ensino público galego, onde alumnado, familias e profesorado levan tempo alertando da falta de recursos e da necesidade de
reforzar a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
No caso concreto de Lalín, o BNG pon o foco nos centros CEIP Vicente Arias de la Maza e CEIP Varela Buxán, situados en Vilatuxe e Cercio, respectivamente, que dende o remate das vacacións de Entroido carecen do persoal suficiente para atender con garantías ao seu alumnado. Segundo denuncia a deputada Ariadna Fernández, “a existencia dun único coidador a media xornada compartido entre ambos centros resulta claramente insuficiente e impide garantir unha atención adecuada ao alumnado con necesidades específicas, vulnerando na práctica o seu dereito a unha educación inclusiva en igualdade de condicións”.
PUBLICIDADE
A organización nacionalista critica que esta situación se produza malia que a inspección educativa emitise informes favorables á creación das prazas necesarias. “Estamos ante
un novo exemplo dos recortes encubertos da Xunta no ensino público, que afectan
especialmente ao alumnado máis vulnerable”, advirten. O BNG considera inaceptable a inacción da Xunta de Galiza e alerta do risco de que esta situación se cronifique,
consolidando unha discriminación estrutural no acceso a unha educación de calidade.
PUBLICIDADE
Neste sentido, a formación anunciou a presentación de iniciativas parlamentarias para esixir responsabilidades e solucións inmediatas. En concreto, o BNG demandará á Xunta
a restitución urxente e estable do persoal de apoio necesario nestes centros, así como a
garantía de recursos suficientes para asegurar unha atención educativa digna e inclusiva, con igualdade de oportunidades e benestar para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.








Comentarios