top of page

O BNG denuncia "a falla de respecto institucional da Deputación de Pontevedra en Agolada e Rodeiro"

7 oct
2 min de lectura

Xoán Blanco advirte de que as últimas visitas de Luís López á comarca evidencian “un uso partidista das institucións e un agravio comparativo entre as forzas políticas da oposición”


Ecos da Comarca/Deza

O BNG denuncia a falta de respecto institucional que, ao seu xuízo, está a caracterizar a actuación da Deputación de Pontevedra na comarca de Deza, Tabeirós e Terra de Montes, nomeadamente por parte do seu presidente, Luís López. O Bloque considera especialmente significativas as últimas visitas realizadas a Agolada e Rodeiro, nas que, ademais de cuestionar o papel dos gobernos municipais, "se produciu un trato desigual cara ás distintas formacións da oposición".


Un dos exemplos máis recentes, apunta, é a xornada do programa +Convivir celebrada en Agolada, unha iniciativa promovida e financiada pola Deputación de Pontevedra. “Estamos falando de actividades financiadas con recursos públicos, polo que resulta difícil entender que se convertan en actos nos que teñen protagonismo representantes dun único partido político mentres se exclúe ou non se convoca ao resto da representación municipal”, apunta Blanco. “É unha forma de actuar excluínte, na que se decide a quen se invita e a quen non en función do grupo político ao que representa” insiste.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O BNG considera especialmente significativo que nestes actos participen portavoces e concelleiros do PP de diferentes localidades, mentres que outras forzas políticas das respectivas localidades non reciben a mesma consideración institucional. O Responsable Comarcal do BNG, Xoán Blanco, sinala que “non se trata unicamente dunha cuestión de relación entre a Deputación e os gobernos municipais, senón tamén do modo no que a institución provincial organiza e anuncia os seus actos, onde os populares das localidades coñecen e publicitan os actos antes que a propia Deputación, ou deixando fóra sistematicamente á oposición, sempre e cando non sexa o PP”.

O Bloque lembra tamén o tratamento dado pola Deputación á programación vinculada ao eclipse solar do pasado 12 de agosto, "onde os fondos se destinaron a un concello en particular, gobernado polo PP, mentres os outros quedaron sen ningún tipo de colaboración". A situación, segundo o Bloque, "non é illada e volveu quedar patente esta semana en Rodeiro, onde Luís López participou na presentación de actuacións sobre vías municipais" sen que, segundo denuncia o BNG, "se informase previamente aos membros do goberno local".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O BNG considera que estes episodios deben analizarse á luz dunha cuestión máis ampla: a necesidade de que os recursos e programas provinciais sexan aplicados con criterios transparentes e sen discriminación política entre concellos ou grupos municipais. “A Deputación non é do PP nin de Luís López. É unha institución pública e os seus recursos pertencen ao conxunto da cidadanía. Por iso esiximos respecto institucional, transparencia e igualdade de trato”, conclúe Xoán Blanco.


Cabe mencionar que o alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas, tamén denunciou publicamente esta situación: https://www.ecosdacomarca.com/post/jos%C3%A9-luis-cami%C3%B1as-lamenta-a-falta-de-respecto-institucional-de-luis-l%C3%B3pez-con-rodeiro

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page