top of page

O BNG denuncia a escaseza de prazas públicas nas escolas infantís de Silleda

Ecos da Comarca/Silleda

O BNG alerta da grave carencia de prazas públicas nas escolas infantís da comarca de Deza e, en particular, no concello de Silleda, logo de coñecerse as listas provisionais de admisión publicadas neste mes de maio. No caso de Silleda, 13 crianzas quedaron en lista de agarda e sen acceso a unha praza pública, unha situación que a formación nacionalista cualifica de “inadmisible” e que se repite ano tras ano.

Para o BNG, esta realidade evidencia “o abandono das políticas públicas de conciliación por parte da Xunta de Galiza, especialmente nos concellos do rural”, tal e como sinala a deputada nacionalista Ariadna Fernández. “A falla de planificación e investimento está deixando a moitas familias sen un servizo básico, ao tempo que se avanza nunha privatización encuberta dun dereito esencial”, advirte.


Desde o BNG critican que, mentres o Goberno galego fai anuncios propagandísticos arredor da gratuidade das escolas infantís, “a realidade é que non existen prazas públicas suficientes para cubrir a demanda. De pouco serve falar de universalidade cando hai familias que quedan directamente fóra do sistema público”, engade Fernández. A formación lembra que leva anos reclamando á Consellería de Política Social un plan serio de ampliación de prazas públicas, con orzamentos concretos e cunha planificación axustada ás necesidades reais de cada comarca.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Pola súa banda, a voceira do BNG de Silleda, Erea Rey, cualifica de “inaceptable” que esta situación se repita sen que a Xunta poña en marcha solucións estruturais. Rey subliña que a falta de prazas públicas “ten un impacto directo na conciliación laboral e familiar, obrigando a moitas nais e pais a recorrer a centros privados ou mesmo a reducir ou abandonar a súa actividade laboral”. Ademais, lembra que a ausencia de servizos públicos básicos “afonda no despoboamento dos concellos do interior”, agravando a crise

demográfica. “Defender o rural tamén é garantir servizos públicos de calidade para que as

familias poidan desenvolver aquí o seu proxecto de vida”, destacou.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Desde o BNG esixen á Xunta de Galiza unha resposta inmediata para ampliar a oferta pública de escolas infantís no Deza e garantir que ningunha crianza quede fóra do sistema público, evitando que a falta de prazas continúe a ser un obstáculo para a conciliación, a igualdade de oportunidades e o futuro das familias da comarca.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page