O BNG demanda infraestruturas municipais para bicis e unha aposta pola mobilidade sostible de Lalín
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 3 Min. de lectura
Mari Fernández recolle entre a veciñanza a necesidade de carrís bici e aparcadoiros no casco urbano
Ecos da Comarca/Lalín
Unha veciña ou un veciño de Lalín que queira acudir cada día ao seu posto de traballo ou ao seu centro escolar en bicicleta sofre a diario múltiples impedimentos e barreiras que finalmente o fan desistir no intento por vivir de forma sostible no noso concello. Así o ten constatado o BNG de Lalín entre a veciñanza, a responsable local nacionalista Mari Fernández Sanmartín leva recibido as queixas de moitos usuarios de bicicletas porque “co deseño actual do casco urbano, ou máis ben a falta del, e coa priorización do tráfico de vehículos a motor é inviable actualmente desprazarse en bicicleta por Lalín”. 4

Diante desta situación o BNG lalinense demanda do Concello o deseño “inmediato e urxente” de carrís bici e aparcadoiros en todo o casco urbano, unha aposta por “redes de mobilidade activa para mellorar a sustentabilidade do noso concello e a calidade de vida das veciñas e veciños”.
“Non pode ser que en plena emerxencia climática, con normativas de zonas de baixas emisións en toda Europa, o PP de Lalín siga a darlle as costas á mobilidade sostible e siga apostando polos coches fronte aos peóns e os transportes sostibles”, afirma Fernández Sanmartín. A responsable local do BNG exixe ao goberno do PP que “deixe de deseñar proxectos urbanos faraónicos de costas á cidadanía” e que “saian á rúa e falen coa veciñanza que quere desfrutar dun espazo urbano sostible, accesible e seguro”.
PUBLICIDADE
O BNG de Lalín lémbralle ao goberno de José Crespo que “as competencias son súas” para o deseño e posta en marcha dunha rede urbana de carrís para bicicletas e vehículos de mobilidade persoal, aparcadoiros e tamén é súa a competencia de crear unha normativa local sobre circulación destes vehículos, seguridade e sinalización”. Critica Fernández Sanmartín que “non é a primeira vez que o BNG exixe ao goberno local do PP un cambio de rumbo, e imos a seguir facendo porque isto non é só algo que demanda a
veciñanza senón que ademais é unha urxencia para poder acadar a mobilidade sostible
no noso concello que marca a Axenda 2030”.
Explica Fernández Sanmartín que “non é de recibo que un rapaz teña que deixar de ir ao
instituto cada día en bicicleta porque non ten onde aparcala”, ou que unha veciña “xogue a vida a diario ao desprazarse ao seu traballo en bici diante da deixadez do goberno local por garantir unha rede segura de mobilidade activa no casco urbano”. O caso de Lalín “é sangrante”, asegura Fernández Sanmartín “porque temos un goberno local que se dedica sistematicamente a planificar e regular o casco urbano para os coches, esquecendo e dando as costas aos peóns e bicicletas
PUBLICIDADE
Redes de mobilidade activa
“Teñen a solución e as competencias nas súas mans”, lembra Fernández Sanmartín ao goberno do PP, ao que insta a “acometer de forma urxente o deseño e posta en marcha
dunha rede de mobilidade activa que faga do noso casco urbano un lugar habitable,
seguro e comprometido co medio ambiente e a loita contra o cambio climático”.
Fernández Sanmartín lembra a Crespo que o BNG “leva anos decíndolle que mire ao seu arredor, mire para os concellos como Pontevedra, gobernados polo BNG e que son exemplo recoñecido en urbanismo para a xente en todo o mundo”. O “negacionismo” do goberno de Crespo, segundo afirma Fernández Sanmartín, “está condenando ao noso concello a quedar fóra da sustentabilidade necesaria para afrontar no presente e o futuro a emerxencia climática”. Ademais sinala a voceira do BNG que “a veciñanza de Lalín reclama a berros un cambio de modelo urbano que priorice á xente e que mellore a súa calidade de vida e benestar cando queren moverse polas rúas do casco urbano”.








Comentarios