O BNG defende ante o Ministerio de Cultura a devolución das esculturas espoliadas de Carboeiro
- ecosdacomarca

- 23 abr 2025
- 2 Min. de lectura
Carme da Silva: “É necesario reparar unha inxustiza histórica e devolver a Galiza un patrimonio que lle foi arrebatado ilegalmente durante a ditadura franquista”
Ecos da Comarca/Silleda
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para demandar a implicación do Ministerio de Cultura e que permita a devolución das esculturas espoliadas durante o franquismo do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. A senadora do BNG, Carme da Silva, defende a necesidade de que o Goberno do Estado mostre a súa vontade de reparar este espolio e traslade estas esculturas medievais desde o Museu Frederic Marès de Barcelona até o tímpano do Mosteiro de Carboeiro.

No concreto, as iniciativas rexistradas buscan aclarar se a Xunta de Galiza ten solicitado formalmente a colaboración do Ministerio de Cultura para facilitar a restitución das esculturas –un Cristo e Maxestade e unha talla dos evanxelistas San Lucas e San Xoán, datadas de finais do século XII- e se o Goberno galego puxo á disposición toda a documentación que acredita o espolio, así como a disposición da propia carteira de cultura do Estado para actuar como intermediario neste procedemento.
“Estamos ante un caso claro de espolio ilegal, tal como recollen as investigacións do historiador Francisco Prado-Vilar, quen identificou e documentou que estas esculturas foron subtraídas en 1957 a pesar de que Carboeiro xa estaba recoñecido desde 1931 como Monumento histórico-artístico” explica Carme da Silva. “A lexislación vixente nese momento xa prohibía a venda ou fragmentación de bens pertencentes ao Tesouro Artístico Nacional, polo que estamos falando dun delito imprescritíbel” engade a senadora do BNG.
“É imprescindíbel que o Ministerio de Cultura asuma un papel activo e exerza como mediador entre a Xunta de Galiza e o Concello de Barcelona para posibilitar a devolución das esculturas”, afirmou Carme da Silva. “O patrimonio galego non pode seguir espallado por museos sen o seu contexto nin o seu significado, moito menos cando foi roubado durante unha ditadura”, concluíu.
Publicidade
O BNG, recorda a senadora nacionalista, xa levou este asunto ao Parlamento de Galiza, onde instou a Xunta a actuar. Agora, a formación nacionalista leva a iniciativa ás Cortes do Estado para que o Goberno do Estado asuma tamén as súas responsabilidades e facilite o retorno dun patrimonio que forma parte da identidade cultural e histórica da Galiza.
Publicidade
Reparar o espolio da historia e cultura da Galiza
O Mosteiro de Carboeiro, situado no Concello de Silleda á beira do río Deza, é unha xoia do románico cisterciense galego e unha das mostras máis destacadas do noso patrimonio medieval. O conxunto foi vítima dun espolio continuado durante a década de 1950, pero o caso destas dúas esculturas destaca pola súa relevancia artística e simbólica. “O Cristo en Maxestade e os evanxelistas formaban parte dunha das fachadas máis singulares do románico galego, influída directamente pola obra do Mestre Mateo” sinala da Silva.
As esculturas foron adquiridas nos anos 80 polo Concello de Barcelona para seren expostas no Museu Frederic Marès, aparentemente sen coñecemento da súa procedencia ilícita. Porén, o BNG entende que “existe unha responsabilidade patrimonial e institucional que debe ser asumida para devolver estas pezas ao seu lugar de orixe”.








Comentarios