"O Concello ten erros tan destacados como o de fixar como festivos locais o 9 e 10 de agosto e acto seguido publicar na páxina os oficiais corrixidos"
O BNG de Vila de Cruces quere aclarar que os festivos locais do 2021 son o martes 16 de febreiro, (martes de entroido) e o luns 10 de agosto. "Estes festivos foron establecidos o 15 de outubro de 2020 por unamimidade, tras presentar o BNG os resultados dunha enquisa feita nas redes e a pé de rúa". Ademais, incide que "cun 43,1% das votacións para o martes de entroido, 22,2% martes da Piedade, 13,9% luns de Pascua e o 20,8% outras opcións".
O grupo nacionalista quere aclaralo "despois de ver como o calendario publicado esta semana polo propio goberno, anunciado a bombo e platillo un mes e dez días despois de comezar o ano, ten erros tan destacados como o de fixar o 9 e 10 de agosto os festivos locais, e acto seguido publicar na páxina os festivos oficiais corrixidos. Isto non é máis que outro exemplo da xestión dun goberno que xa se lle fai moi costa arriba os case dous anos de mandato, tarde, mal e arrastro".
Por outra banda, o BNG recoñece "o bo traballo do autor das fotografías e quere poñer sobre a mesa a necesidade da creación de mecanismos abertos e de financiación dentro do sector da creación plástica. Xa abonda de que a institución de referencia que é o Concello, asigne un lugar residual á creación dos nosos artistas aproveitándose da súa solidariedade. Os fotógrafos, artistas, músicos e creadores en xeral do noso concello merecen outro trato, cando menos de dignidade", recalca.
Commentaires