top of page

O BNG de Vila de Cruces denuncia o peche da piscina municipal en pleno verán

O voceiro nacionalista, Álex Fiúza, califica de "inadmisible" que as instalacións sigan sen estar a disposición do servizo en pleno mes de xullo

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vila de Cruces amosou publicamente o seu firme rexeitamento, mais non a súa sorpresa, "ante a nefasta xestión das obras de reforma da piscina municipal". A formación nacionalista critica que, co verán xa comezado e as temperaturas en ascenso, tendo xa pasada a primeira vaga de calor na semana pasada, "os traballos no recinto continúen sen estar rematados, privando á veciñanza deste servizo para o lecer e o benestar durante a época estival".


O voceiro municipal do BNG, Álex Fiuza, sinala directamente "a falta de previsión e a

desidía do goberno local como as principais causas desta situación". "É unha falta de

respecto que entremos de cheo na tempada de calor e a piscina municipal siga empantanada e coas obras sen rematar por culpa dunha nula planificación", declara Fiúza.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Dende a formación salientan "o forte contraste entre a realidade do municipio e as promesas electorais do actual rexedor". Álex Fiúza lembra "que o alcalde levaba no seu programa de goberno a construción de instalacións deportivas entre as que se atopaba unha piscina climatizada para o uso da veciñanza durante todo o ano, un proxecto do que nada se sabe e que quedou en papel mollado". "Non só son incapaces de cumprir coa súa gran promesa e propaganda, senón que aínda por riba son incapaces de xestionar o mantemento das instalacións que xa existen e están atrasando de xeito inaceptable as obras da única piscina exterior que temos na vila", recrimina o voceiro nacionalista.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Dende o BNG lembran que estas actuacións deberon ser executadas e supervisadas con

antelación suficiente para garantir a apertura integral das instalacións a principios de xuño.

Para os nacionalistas, este atraso "é unha mostra máis da incapacidade do executivo local

para fiscalizar os prazos das empresas adxudicatarias e defender os intereses do municipio".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Ante este escenario, o edil nacionalista esixe ao alcalde que dea explicacións sobre o estado real das obras, os prazos de execución e os motivos desta mala planificación. Así mesmo, o voceiro do BNG insta ao goberno municipal a adoptar medidas inmediatas para axilizar o fin dos traballos sen que isto supoña unha perda de calidade nin de seguridade nas instalacións, co obxectivo de que a piscina poida estar a disposición do público o antes posible.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page