O BNG de Silleda propón un plan de desbroces para mellorar o acceso e prevención de lumes nos montes
- ecosdacomarca

- hace 10 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O Grupo Municipal do BNG de Silleda vén de presentar unha moción para ser debatida no próximo pleno ordinario, propoñendo a posta en marcha dun plan de desbroces de camiños de monte de titularidade municipal. A iniciativa busca mellorar o acceso ás zonas forestais, facilitar a xestión das fincas e reducir o risco de incendios.

Nese sentido, a voceira, Erea Rey, expón que a maioría dos camiños de monte municipais resultan actualmente intransitables pola maleza, o que impide tanto o acceso dos propietarios como das persoas que queren dar un paseo ata os ríos, e dificulta as labores de mantemento e prevención de lumes.
Desde o BNG sinalan que agora que o goberno local ten as labores de desbroce de pistas asfaltadas subcontratadas, debería ter medios e persoal dispoñible para estas labores, polo que piden que o Concello poña en marcha nos meses de outono e inverno un plan público plurianual de limpeza de camiños forestais. “Para termos un monte vivo e aproveitado o primeiro é garantir os accesos, e iso é traballo do Concello. A administración non pode pedirlle aos propietarios de fincas forestais que controlen a biomasa, cando o propio goberno local obvia as súas obrigas respecto ás súas propiedades” sinala Erea Rey.
Publicidade
Fincas de monte de titularidade municipal
Ademais, a moción fai tamén referencia ás fincas de monte rexistradas como de titularidade municipal, como por exemplo sucede nas parroquias de Abades e Vilar. O BNG sinala, recollendo denuncias veciñais, que ditas fincas atópanse en estado de abandono total, polo que reclaman que a administración local dea exemplo na
conservación do territorio e ordene que as mesmas sexan limpadas co fin de controlar o risco de incendios e para que poidan ser desfrutadas pola veciñanza.
Publicidade
Con esta proposta, o BNG de Silleda quere garantir a posta en valor do monte, a seguridade da veciñanza e a protección do medio ambiente fronte aos incendios
forestais.








Comentarios