O BNG de Silleda propón rebaixar o IBI urbano ao 0,50 e unha bonificación adicional para as casas do rural
- ecosdacomarca

- hace 60 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda reafirma a súa posición a favor da baixada do Imposto de Bens Inmobles (IBI), tal e como reclamou no pleno extraordinario de outubro e como vén defendendo nos últimos anos. O BNG lembra que Silleda mantén un dos tipos impositivos máis elevados da comarca, polo que considera razoable e necesario reducir o IBI urbano do 0,53 actual ao 0,50, en liña cos concellos de Lalín e A Estrada.

Ademais, o BNG propón complementar esta baixada cunha bonificación do 10% para vivendas situadas no rural, ao abeiro do artigo 74 da Lei de Facendas Locais. Este artigo permite aos concellos bonificar o IBI en zonas cun nivel de servizos e equipamentos inferior ao das áreas urbanas.
“Estamos dacordo en baixar o IBI a todos, e de maneira máis especial ás vivendas do rural, xa que con carácter xeral carecen de servizos básicos como saneamento, abastecemento ou accesos asfaltados, o que obriga aos propietarios a incurrir en custos adicionais para dotarse privadamente deses servizos. Coa nosa proposta facemos xustiza, baixando o IBI ao nivel dos concellos da comarca”, sinalou a voceira municipal, Erea Rey.
Publicidade
Segundo as estimacións manexadas polos concelleiros do Bloque, e á falta de actualizar o estudo económico, o nivel de ingresos seguiría sendo superior ao que tiña o concello antes da aprobación do novo PXOM, que supuxo unha suba do 28% na recadación por IBI en 2025, financiada principalmente polas vivendas do rural. Por iso, o BNG considera que a medida é viable e xusta, ao tempo que contribúe a equilibrar a carga fiscal entre veciños de diferentes zonas do municipio.
Publicidade
O BNG ponse á disposición do goberno local para estudar os detalles desta proposta e lamenta que o executivo socialista non movera ficha ata agora, “cando xa é moi tarde para que entre en vigor para 2026”. A formación nacionalista insiste en que a baixada do IBI debe aprobarse con responsabilidade, pero tamén é preciso vontade política e accións concretas, para que Silleda deixe de ser un dos concellos con maior presión fiscal da comarca.








Comentarios