O BNG de Silleda presenta un informe das árbores da Avenida do Parque
- ecosdacomarca
- hace 14 horas
- 3 Min. de lectura
Acusa á alcaldesa de "ocultar información"
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda protagonizou o pleno municipal de onte facendo público un informe técnico que certifica que algunhas árbores da Avenida do Parque están sanas, tal e como sinala o Bloque. "Este documento desmonta os argumentos do goberno municipal, que durante meses xustificou a tala alegando motivos fitosanitarios", engade. A voceira do BNG, Erea Rey, foi contundente na súa intervención, denunciando ata "catro mentiras difundidas pola alcaldesa nas redes sociais":
"1. Sobre a especie e estado das árbores: A alcaldesa afirmou que todas as árbores eran acacias enfermas por un fungo, cando en realidade só seis son acacias e non todas están afectadas; o resto son castiñeiro, tilo, magnolios e aligustres.
2. Sobre o estado sanitario: Sostivo que todas as árbores estaban enfermas, pero o informe técnico presentado polo BNG demostra que só dúas están en mal estado, mentres que oito están en bo estado ou aceptable e dúas en estado regular.
3. Sobre o transplante das árbores sanas: A alcaldesa asegurou que as árbores sanas serían transplantadas, contradicindo a súa propia versión de que todas estaban enfermas. Ademais, o informe advirte do alto risco de dano, especialmente no caso do castiñeiro.
4. Sobre as características das novas árbores: A alcaldesa afirmou que as árbores novas terían un perímetro mínimo de 35 cm, cando o proxecto indica que será un máximo de 35 cm".

Erea Rey lamentou tamén o custo económico "dunha intervención non xustificada" lembrando que “o capricho de cortar árbores sanas vai supoñer un gasto de 28.000 euros para o Concello, unha cifra que podería destinarse a mellorar servizos básicos para a veciñanza”. Ademais, o BNG reprochou á alcaldesa que a súa resposta a este asunto "fose atacar ao BNG a través das redes sociais municipais, en lugar de aportar en tempo informes que avalasen a súa decisión".
A sorpresa, apuntan os nacionalistas, "saltou cando, na segunda quenda de réplica, a alcaldesa anunciou que solicitaran a mediados de agosto un informe para xustificar o estado das árbores. Dito informe, a pesar de obrar no poder do Concello desde o 14 de agosto, non figuraba no expediente ao inicio deste pleno extraordinario", o cal foi interpretado pola voceira do BNG "como unha ocultación interesada da documentación ao Pleno con fins partidistas".
PUBLICIDADE
Dende o BNG lamentan que "esta sexa a forma de facer política do goberno municipal e agardan que o goberno rebaixe o ton e manteña no sitio as árbores que están sanas, entre elas o castiñeiro de gran porte que se atopa xunto ao quiosco e que non pode ser transplantado dadas as súas dimensións".
Rebaixa fiscal
No ámbito fiscal, Xerardo Díaz defendeu a posición do BNG, reclamando unha fiscalidade máis xusta e adaptada á realidade social do concello. O BNG propuxo rebaixar o tipo impositivo do 0,53 a cando menos o 0,50, tal e como sucede en Lalín e A Estrada. Díaz lembrou que "Silleda ten o segundo IBI máis alto da comarca, unha situación que se agravou tras a actualización dos valores catastrais e a entrada en vigor do novo PXOM en 2023, provocando subas inxustas nos recibos de centos de familias, que non se corresponden cunha mellora nos servizos básicos, tales como abastecemento ou saneamento de augas".
PUBLICIDADE
O BNG lembrou que a "suba ao 0,53 xustificouse no ano 1998 polo servizo de Protección Civil, e sen embargo esa suba non foi axustada á baixa a pesar de que o concello xa non presta ese servizo".
Por todo iso, Díaz instou á alcaldesa a promover unha rebaixa parcial do IBI, para achegalo, cando menos, ao tipo impositivo vixente nos concellos limítrofes e para aliviar
ás familias que sofren nos últimos anos un incremento das cotas de IBI "por meras cuestións políticas, sen percibir novos servizos". "Como era de esperar, a alcaldesa non sorprendeu a ninguén ao asegurar que o goberno municipal xa estaba traballando, como de costume, nunha rebaixa do IBI", sinala o BNG. Nese sentido, o concelleiro Díaz puxo en valor a importancia do debate nos Plenos e de como ese debate serviu unha vez máis para impulsar a acción do goberno.
Comentarios