Xorde a raíz da denuncia en relación á existencia dun posible vertedoiro incontrolado no concello de Cruces, ao que se terían levado restos de obra dun termo municipal lindeiro
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda pide ao goberno municipal os xustificantes de ter entregado a xestor autorizado os restos das obras que están en execución. Esta petición xorde a raíz da denuncia feita pública hai uns días, en relación á existencia dun posible vertedoiro incontrolado no concello de Vila de Cruces, ao que se terían levado restos de obra (entre outros, material asfáltico e lousas de beirarrúas) desde unha obra pública en execución nun termo municipal lindeiro.

Por iso, e co fin de previr calquera sombra de dúbida, os nacionalistas piden ao goberno
municipal que, con carácter urxente, se dirixa ás dúas empresas adxudicatarias das grandes obras públicas en marcha en Silleda (reforma da Praza da Bandeira e da Avenida Recinto Feiral, ao carón do colexio público de Silleda) e lles esixa un certificado de admisión dos restos xerados nas obras nun centro de tratamento de residuos autorizado.
Publicidade
Desde o BNG de Silleda salientan que non é a primeira vez que xorde un problema deste tipo nas obras municipais, lembrando o sucedido en febreiro deste mesmo ano co anterior adoquinado da Praza da Bandeira, que rematou tirado nunha finca particular na parroquia de Riobó (A Estrada), situación que saíu á luz logo dunha denuncia feita polo Bloque e que derivou nunha sanción de 3.500 euros á construtora.
Publicidade
A este respecto, desde o BNG lembran que as adxudicatarias de obras cobran pola xestión de residuos e son puntuadas no proceso de contratación en base a uns criterios
subxectivos teóricos -como a xestión de residuos- que logo se incumpren flagrantemente ao non existir un control efectivo nin por parte da dirección de obra nin do goberno municipal.
Comments