O BNG de Silleda lamenta que a Avenida do Parque siga en obras 8 meses despois do seu inicio
- ecosdacomarca

- 8 jul
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda lamenta que a reforma da Avenida do Parque non estea rematada para a celebración das festas de verán. "A obra iniciou a súa execución o 17 de novembro de 2025 cun prazo previsto de seis meses, polo que debería estar rematada desde o pasado 17 de maio. Porén, case dous meses despois desa data e transcorridos xa preto de oito desde o inicio dos traballos, a actuación continúa xerando importantes inconvenientes para a veciñanza, problemas que continuarán en plenas festas de verán", recalca.

A formación denuncia que durante boa parte da execución das obras "foi habitual ver unicamente un ou dous operarios traballando na actuación, cun ritmo de avance moi
afastado do que sería necesario para cumprir os prazos comprometidos. Durante semanas a veciñanza puido comprobar como os traballos avanzaban a un ritmo desesperadamente lento. Dá a sensación de que á empresa adxudicataria non lle preocupaba especialmente cumprir o prazo porque sabía que desde o Concello non se
lle ía esixir responsabilidade ningunha”, sinala a portavoz municipal, Erea Rey.
PUBLICIDADE
A este respecto, lembran que a empresa "solicitou unha ampliación do prazo de execución apenas tres días antes do remate do período inicialmente establecido, alegando condicións meteorolóxicas adversas e a necesidade de coordinar actuacións con servizos afectados".
“Alegar as inclemencias meteorolóxicas como causa do retraso parece unha mala escusa. Estamos en Galicia e a chuvia é un factor habitual que debe terse en conta á hora de planificar unha obra. Non pode utilizarse agora como xustificación para explicar dous meses de atraso”, afirma Rey.
PUBLICIDADE
Ademais, consideran que o goberno municipal "renunciou a exercer un control efectivo sobre a execución do contrato" e lembra que a lexislación prevé a imposición de sancións cando os atrasos sexan imputables á empresa contratista. “Cada vez temos máis a sensación de que este goberno municipal está máis preocupado por botarlle unha man ás concesionarias cando teñen problemas, que por defender os intereses da veciñanza. Xa o vimos co contrato da luz, co contrato do lixo e volvemos velo agora. Incúmprense os pregos e nunca hai consecuencias para as empresas responsables”, indica a portavoz nacionalista, ao tempo que remarca que “o que lle corresponde ao goberno local é defender os intereses da veciñanza. Iso pasa por fiscalizar os contratos, esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos e actuar cando estes non se respectan”.
PUBLICIDADE
O BNG considera que o retraso da Avenida do Parque "é unha mostra máis da falta de seguimento das contratacións municipais por parte do executivo local" e reclama
transparencia "sobre por que non se tomaron medidas para garantir que unha obra iniciada en novembro estivese rematada antes das festas de verán, tal e como estaba
previsto".









Comentarios