O BNG de Silleda insta a que a limpeza de cunetas sexa a prioridade da maquinaria da mancomunidade
- ecosdacomarca
- 8 mar
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda faise eco das demandas de veciñanza da contorna rural que solicitan
ao Concello que se inicie un plan para a limpeza en profundidade das cunetas nos viais
municipais. "Compre recordar que as cunetas das vías van acumulando terra e restos orgánicos co paso dos anos polo que sería importante realizar unha retirada destes restos con maquinaria axeitada. Iso permitiría que a auga da chuvia e dos temporais drenase cara o exterior das vías e melloraría a conservación das mesmas", considera o Bloque.

Nese sentido, desde o BNG de Silleda lembran que "non basta co desbroce da herba no
período estival (que agora se realizará dun xeito máis continuo, logo de que a formación
nacionalista incluíse esta demanda na negociación dos salarios do goberno)" senón que
engaden que “é preciso retirar a terra e os restos orgánicos acumulados en determinadas
seccións de viais municipais. Esta situación vese agravada no inverno, onde se pon de
manifesto a falta de mantemento dos camiños”.
Os concelleiros nacionalistas poñen o foco nesta problemática porque “un bo
mantemento dos camiños non só mellora a seguridade vial senón que fai que estes non
teñan que ser arranxados cada dous por tres”.
Desta maneira, propoñen ao goberno que destinen, xunto cos traballadores que acaban
de incorporar, a maquinaria da Mancomunidade de Deza a estes fins, e poña prioridade
na limpeza de cunetas e mantemento da rede viaria municipal.
Comments