O BNG de Silleda inaugura un ciclo de debates para definir o seu programa electroral de 2027
- ecosdacomarca

- 17 mar
- 3 min de lectura
Foi a primeira sesión dun ciclo que continuará nos vindeiros meses con debates sobre urbanismo, benestar social e outros ámbitos fundamentais para o futuro do municipio
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda celebrou este domingo a primeira xornada dun novo ciclo de debates abertos á veciñanza, un espazo que a organización pon en marcha para reflexionar colectivamente sobre cuestións clave do concello e para recoller ideas de cara á elaboración do programa electoral municipal de 2027. A portavoz municipal, Erea Rey, que actuou como moderadora, explicou que o BNG decidiu impulsar este formato de encontros como ferramenta de escoita activa: “O BNG está a prepararse para gobernar en Silleda, e iso esixe diálogo real, aprendizaxe e contacto directo coa súa veciñanza”.

Subliñou ademais que esta foi a primeira sesión dun ciclo que continuará nos vindeiros meses con debates sobre urbanismo, benestar social e outros ámbitos fundamentais para o futuro do municipio.
A divulgadora Nuska Chousa abriu a sesión destacando a relevancia do consumo de proximidade desde múltiples dimensións: saúde, economía local, redución da pegada ecolóxica e reforzo da identidade territorial. Lembrou que “o folclore non é só música e
baile, tamén é a nosa tradición alimentaria”, e incidiu na importancia dunha boa
alimentación para o benestar físico, mental e mesmo para a creatividade.
Publicidade
O produtor Rosendo Estévez, responsable de Trasdeza Natur, centrou a súa intervención na necesidade de valorar o produto de proximidade máis aló do prezo aparente. Explicou como o produto “barato” adoita acabar no lixo en maior proporción, elevando o seu custo real por quilo, e como os gastos en medicación derivados dunha dieta de menor calidade fan que a diferenza co ecolóxico sexa moito maior do que parece. Ademais, compartiu a súa experiencia botando a andar un proxecto de transformación da produción propia, orientado a obter maior valor engadido e a demostrar que o rural pode innovar e crear produtos diferenciados de gran calidade. Rosendo tamén defendeu que a formación e a información son claves para un consumo responsable, propoñendo que as clases de horta sexan obrigatorias no currículo escolar.
Pola súa banda, Estefanía Fernández, de Lar do Aquel e Mamasunción, puxo o foco nas dificultades ás que se enfrontan os pequenos produtores. Sinalou que moitas axudas están pensadas para grandes empresas e que a burocracia fai que, en ocasións, as subvencións “non compensen”. Enfatizou que as administracións deberían ofrecer máis apoio real, mellor asesoramento e trámites máis sinxelos. Defendeu tamén que os produtos convencionais deberían levar advertencias claras sobre o uso de agroquímicos, para que a cidadanía poida tomar decisións informadas.
PUBLICIDADE
O encontro rematou cunha idea compartida polos participantes: o cambio profundo nos hábitos de consumo debe construírse desde abaixo, pois son os consumidores quen teñen o poder de orientar a produción e impulsar transformacións sostibles. "Non se pode confiar en que o cambio chegue só desde arriba, onde moitas veces existen intereses en manter o modelo actual".
Finalmente, o BNG de Silleda anunciou que esta xornada marca o inicio dun ciclo estable de debates temáticos, que continuará con novas sesións sobre urbanismo, benestar social ou servizos públicos. O obxectivo é seguir recollendo ideas, propostas e visións diversas "para construír un programa electoral sólido, participativo e centrado no futuro de Silleda".








Comentarios