O BNG de Silleda edita un boletín especial que chegará a todas as vivendas do municipio
- ecosdacomarca

- 24 oct
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda vén de editar un novo boletín informativo que será distribuído nos próximos días en todas as vivendas do municipio. Esta publicación recolle todo o traballo realizado polos concelleiros do BNG durante os dous primeiros anos de mandato, facendo balance das principais iniciativas e logros acadados.

No boletín, o BNG destaca especialmente a posta en marcha do Plan de Asfaltados, "unha medida clave que permitiu que o Concello acometese o asfaltado de máis de 20 quilómetros de pistas e accesos a vivendas en 11 parroquias, dando resposta a unha das principais demandas da veciñanza do rural".
A publicación inclúe tamén unha carta aberta da voceira municipal, Erea Rey, dirixida á veciñanza, na que pon en valor o traballo feito polo grupo nacionalista "para achegar a política local á cidadanía e explica cal é a Silleda do futuro que o BNG quere construír: un concello con servizos básicos garantidos, vilas verdes e unha planificación urbana pensada para as persoas".
Publicidade
Erea Rey salienta que o BNG centrou os seus esforzos "en reforzar servizos esenciais como os desbroces ou o abastecemento de auga, ao tempo que puxo en valor as iniciativas levadas ao pleno para mellorar a calidade de vida no municipio". Pola súa banda, Xerardo Díaz, concelleiro do BNG, destaca "o labor de control e fiscalización do goberno, facendo especial fincapé na vixilancia dos contratos municipais máis relevantes, como o da luz pública e o do lixo, que supoñen os maiores gastos do orzamento local". A este respecto, o BNG denuncia "atrasos, incumprimentos e falta de penalizacións nestes contratos, defendendo sempre os intereses da veciñanza".
Publicidade
O boletín recolle tamén outras iniciativas do BNG, como a defensa dun trato xusto por parte da Xunta de Galicia, a mellora dos servizos sanitarios, a aposta pola cultura e a
denuncia do abandono de edificios e infraestruturas municipais. O BNG anima á veciñanza a ler este boletín, que resume dous anos de traballo intenso, propositivo e fiscalizador, e reitera o seu compromiso de seguir construíndo, entre todas e todos, a Silleda do futuro.








Comentarios