top of page

O BNG de Silleda denuncia "o incumprimento do acordo de rozas por parte do goberno municipal"

22 jul
2 min de lectura

Ecos da Comarca/Silleda

O BNG de Silleda cualifica de "propaganda baleira" a recente nota emitida polo goberno municipal na que se congratula de ter rozado a metade do concello en pleno mes de xullo. Desde a formación nacionalista sinalan que o executivo local está a facer exactamente o mesmo que en exercicios anteriores: "chegar tarde e deixar desatendida a maioría do rural no momento de maior risco de incendios e maior tránsito de vehículos".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Sinala que "tras transcorrer toda a primavera e máis da metade do verán, os traballos só chegaron a 17 parroquias, un ritmo que contrasta cos compromisos asumidos polo propio

goberno". O BNG recorda que existía un acordo asinado precisamente para a aprobación das retribucións do executivo, no cal o goberno se comprometía explicitamente a realizar dous pases de roza en todas e cada unha das parroquias no período comprendido entre maio e setembro.


En palabras da voceira local, Erea Rey: "Estamos ante un claro incumprimento do pactado. O goberno asinou ese acordo porque lle interesaba sacar adiante a aprobación dos seus salarios, pero á hora da verdade demostra unha falta total de palabra. Rir da veciñanza na súa propia cara pretendendo vender como un éxito o que é unha evidencia de que van tarde é inaceptable. O único que fan con estas notas de prensa é tentar tapar que son uns incompetentes porque desde o BNG lle estamos a sacar os cores".


"Un gasto de 92.000 € sen mellora no servizo"

"Máis grave aínda resulta este incumprimento cando a partida orzamentaria destinada a estes traballos experimentou un incremento substancial, pasando de 40.000 euros a

92.000 euros ao ano", salienta o Bloque. Desde o grupo da oposición subliñan que un aumento "de máis do dobre no gasto público debería reflectirse nunha mellora visible e inmediata na prestación do servizo. Un incremento de máis do dobre no orzamento non se notou absolutamente en nada. O servizo segue a ser o mesmo de sempre: deficitario, lento e insuficiente", engade.

 PUBLICIDADE

Contacta con nós!
Contacta con nós!

Ademais, Erea Rey, engade que "a roza e limpeza dos camiños non é ningún capricho do BNG, é unha necesidade básica para toda a veciñanza que vive e circula polo rural. Estamos a falar de seguridade viaria, de visibilidade nas estradas e, moi especialmente, de prevención fronte aos incendios forestais na época de maior risco do ano".


"Sátira nas redes ante a ineficacia do goberno"

"Ante a falta de solucións e a incapacidade do goberno para xestionar o servizo a tempo",

desde o BNG de Silleda veñen de publicar un vídeo nas súas redes sociais no que ironizan sobre a situación. Acompañados dunha cabra a formación satiriza "a ineficacia

do executivo suxerindo opcións coma o pastoreo para ver se así o servizo chega a

tempo ás parroquias".

Así mesmo, desde a formación comprométense a "dar máxima prioridade á resolución

 definitiva deste problema e á mellora real da atención ao rural no momento en que

asuman a responsabilidade do goberno municipal".


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page