O BNG de Silleda denuncia "o desperdicio de auga en Ponte en plena situación de alerta por seca"
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda denuncia "unha situación de despilfarro de auga potable nos lugares de Casderrei e O Sino, na parroquia de Ponte, onde segundo trasladan os propios veciños e veciñas, a auga leva correndo de maneira continua por tubaxes da nova rede de abastecemento que aínda non están conectadas ás vivendas".

A situación, apunta o Bloque, "resulta especialmente preocupante ao producirse nun momento no que Silleda se atopa en situación de alerta por seca, con chamamentos das distintas administracións para reducir o consumo e facer un uso responsable deste recurso. Ademais, os ríos dos que se abastece a rede municipal presentan nestas datas caudais moi reducidos como consecuencia da falta de choivas".
PUBLICIDADE
E lembra que "hai xa arredor de oito meses que o Concello iniciou as obras de ampliación da rede de abastecemento cara aos núcleos de Casderrei e O Sino. Porén, segundo explican os veciños afectados, recentemente deuse de alta a subministración na nova instalación e quedaron varios puntos mal pechados, provocando unha perda continua de auga que se prolonga durante todo o día".
Para a portavoz nacionalista, Erea Rey, trátase dunha situación que "non se pode entender nin xustificar nun contexto como o actual". "Mentres se lles pide aos veciños e veciñas que aforren auga e moderen o seu consumo, estamos vendo como se deixa escapar un recurso esencial por unha deficiente execución ou supervisión dunha obra pública", sinala.
O BNG considera especialmente rechamante que esta situación se produza apenas uns días despois de que o propio Concello anunciase a realización dunha auditoría integral da rede municipal de abastecemento, presentada como unha ferramenta para mellorar a eficiencia do sistema e reducir as perdas de auga. Para Erea Rey, "unha cousa é anunciar auditorías e plans para reducir fugas, e outra moi distinta é a realidade que están vendo os veciños e veciñas de Ponte, con auga potable correndo durante días sen control".
PUBLICIDADE
A portavoz nacionalista lembra ademais que a propia alcaldesa defendía hai uns meses nas redes sociais a importancia de realizar "obras con sentidiño", lembrando que levar auga aos núcleos rurais require importantes investimentos e que son actuacións financiadas co diñeiro de toda a cidadanía. "Se levar auga ás casas custa tantos esforzos e recursos públicos, o mínimo esixible é garantir que esa auga non remate perdéndose por fallos que deberían ser corrixidos de inmediato", afirma.
Por todo iso, o Bloque solicita ao goberno municipal que comprobe con urxencia o estado da instalación, repare as deficiencias existentes e adopte as medidas necesarias para evitar que continúe este desperdicio nun momento no que a responsabilidade e o aforro deberían ser a prioridade de todas as administracións.
PUBLICIDADE
"A mellor campaña de aforro de auga é dar exemplo desde as institucións. Non chega con anunciar auditorías e plans de mellora se despois a realidade demostra que continúan producíndose situacións como esta. Os feitos non se corresponden coas palabras e cada vez son máis os veciños que perciben un goberno municipal máis preocupado por vender titulares e propaganda que por resolver os problemas reais do día a día", conclúe a portavoz nacionalista.










Comentarios