O BNG de Silleda denuncia "o abandono da parroquia de Ponte polo goberno municipal"
- ecosdacomarca
- 2 jul
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
Os concelleiros do Bloque de Silleda, Erea Rey e Xerardo Díaz, no transcurso dunha visita á parroquia de Ponte e logo de recibir varias peticións feitas por veciños, constataron de primeira man como "existe un desleixo cara esta parroquia". Logo do anuncio do goberno local de que vai acometer melloras en locais sociais de varias parroquias, a veciñanza "amosa o seu descontento con que o local social de Ponte non apareza nesa listaxe. Temos que ter en conta que dito local foi construído en 1994, e agora, só 30 anos despois, se atopa en moi malas condicións, o que dificulta o seu uso", recalca o Bloque.
Publicidade
Estes problemas son consecuencia, apunta o BNG, "dun mal deseño e da falta de mantemento. Así, existe un problema de filtracións de auga a través da terraza superior, que provocou a caída do revestimento do teito interior do baixo como de parte do revestimento exterior". Por todo iso, dende o BNG esixen unha mellora integral do local social, para solucionar estes problemas, adaptalo ás necesidades actuais e facilitar así que poida ser usado polos veciños.

A veciñanza tamén trasladou "o mal estado dos accesos a vivendas en Meixomence así como da pista que conecta a PO-205 con Rosende pasando sobre a AP53, pedindo que se inclúan estes camiños na próxima lista de vías a arranxar con asfalto, dando así continuidade ao plan en marcha para asfaltar en Ponte 4 km de pistas, xurdido como resultado dunha proposta levada ao pleno polo BNG". Nesa liña, desde o BNG de Silleda sacan peito "de ter logrado un investimento de 1,75 millóns de euros que servirá para mellorar un total de 20 km de pistas" e lamentan que o goberno municipal iniciase as "obras en Rellas sen antes convocar á veciñanza para informar do proxecto e recoller posibles melloras".
Publicidade
Así mesmo, outra das petición que se trasladou foi a instalación de paneis para a colocación de anuncios nos puntos da parroquia de maior concorrencia de veciños ou onde é habitual colocar este tipo de comunicación. Actualmente só existe un na igrexa parroquial; o que provoca que se utilicen para este fin postes de luz teléfono ou marquesiñas. “A veciñanza ten a sensación de que o goberno só se acorda de Ponte para conseguir votos ou por medo a perdelos agora que hai unha concelleira da oposición que é desta parroquia. Desde o BNG levamos desde o inicio do mandato poñendo o foco na importancia de atender as necesidades básicas do rural, en asfaltar os accesos a todas as casas e en estender a rede de auga a todos os fogares”, sinala a voceira, Erea Rey, que aproveita para reclamar ao goberno que faga un verdadeiro plan de extensión da rede de abastecemento para dar servizo a todas as vivendas “sen que sexa necesario que cada veciño vaia -como quen pide esmola- ao Concello a reclamar o que debería ser un dereito básico”.
Comments