O BNG de Silleda denuncia "a arbitrariedade na contratación de auxiliares do SAF"
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 2 Min. de lectura
O Bloque reclama unha selección con criterios rigorosos
Ecos da Comarca/Silleda
O Concello de Silleda vén de abrir un procedemento urxente para contratar dúas persoas como auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun prazo de inscrición de apenas cinco días naturais. Aínda que se esixen requisitos mínimos de formación sociosanitaria, o propio procedemento establece que tamén poderán participar persoas que non dispoñen da formación requirida, sempre que acrediten experiencia e presenten unha simple declaración responsable comprometéndose a obter os estudos durante o contrato. Para o BNG de Silleda, este modelo de selección "é profundamente inxusto e pouco rigoroso".

“Non se pode equiparar a validez dunha persoa que xa ten a formación esixida coa dunha candidata que carece dela e só presenta unha declaración responsable”, afirma a voceira nacionalista. “Nun proceso de selección público, quen cumpre a formación debe ter sempre máis puntuación que quen non a ten. Este principio básico non se está respectando”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A isto súmase, apunta o Bloque, que, "unha vez verificado o cumprimento dos requisitos mínimos, as prazas se asignarán por orde de entrada das solicitudes no Rexistro Xeral do Concello", un criterio que o BNG considera totalmente impropio dunha administración
pública. “A rapidez en entregar un formulario nunca pode decidir quen atende persoas dependentes. É un criterio arbitrario, inxusto e sen ningunha relación coa calidade do
servizo”, sostén a voceira Erea Rey.
Publicidade
Desde o BNG de Silleda reclaman "un sistema que valore criterios obxectivos e medibles, como a formación, a experiencia, a dispoñibilidade, a posesión de vehículo propio ou a proximidade xeográfica para garantir unha resposta máis eficiente". “Estamos a falar dun servizo esencial, que require profesionalidade e garantías. Non pode resolverse como se fose unha carreira para ver quen chega antes á ventá do rexistro”, engade.
Publicidade
O BNG alerta tamén de que "un sistema tan feble e arbitrario abre a porta a sospeitas,
desconfianza e interpretacións moi graves sobre o verdadeiro propósito do proceso, polo que insta ao Concello a corrixir o sistema para garantir transparencia, equidade e a mellor atención posible ás persoas usuarias do SAF".
NOTICIA RELACIONADA:
O Concello de Silleda abre a contratación urxente de auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-concello-de-silleda-abre-a-contrataci%C3%B3n-urxente-de-auxiliares-do-servizo-de-axuda-no-fogar








Comentarios