O BNG de Silleda denuncia a acumulación de terra da obra do parque infantil da igrexa na vía pública
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda denuncia que "parte da terra extraída durante as obras de reforma do parque infantil situado ao carón da igrexa permanece amoreada na vía pública, na rúa situada detrás do centro de saúde, ocupando un espazo utilizado habitualmente polos camioneiros da vila para estacionar os seus vehículos".
Para a formación nacionalista, "esta situación evidencia unha falta de control e de
planificación por parte do goberno municipal sobre unha actuación que, ademais, se atopa paralizada cautelarmente tras a aparición de restos óseos durante os traballos,
nun espazo que historicamente albergou o antigo cemiterio parroquial".

A portavoz municipal do BNG, Erea Rey, considera que “o máis grave non é só que a obra estea paralizada, senón comprobar que, mentres tanto, o Concello permite que a terra retirada permaneza amoreada na vía pública, ocupando un espazo necesario para os transportistas e dando unha imaxe de abandono e improvisación”.
Neste sentido, o BNG reclama ao goberno municipal que explique que control está exercendo sobre a empresa encargada da actuación, tanto no relativo á execución dos
traballos como ao cumprimento dos prazos e á xestión dos materiais e residuos xerados pola obra. “Cando o Concello contrata unha obra, ten a responsabilidade de supervisar que se execute correctamente e que se cumpran as condicións establecidas. Non abonda con anunciar a actuación e sacar fotografías: hai que controlar tamén o día a día dos
traballos”, sinala Rey.
PUBLICIDADE
Pero para o BNG o problema vai máis alá da situación actual da terra retirada. A aparición de restos óseos durante os traballos pon tamén sobre a mesa, segundo os nacionalistas, a necesidade de avaliar correctamente as posibles afeccións patrimoniais e arqueolóxicas antes de iniciar unha obra.
A formación tamén reclama explicacións sobre que vai suceder coa terra xa retirada, especialmente tendo en conta a aparición dos restos óseos. O BNG pregunta ao goberno municipal se este material debe ser sometido a algún tipo de control ou análise arqueolóxica antes de ser retirado definitivamente e cal é o protocolo que se está seguindo. “Queremos saber se esa terra pode ser retirada directamente, cal é o seu destino e se as autoridades competentes consideran necesario realizar algún tipo de análise arqueolóxica. Non estamos pedindo outra cousa que información e garantías”, explica Rey.
Neste contexto, o BNG reclama tamén unha reflexión sobre a política patrimonial do Concello. “Non pode utilizarse o patrimonio como a carta que se saca da manga cando
interesa para conseguir un ou dous votos, mentres ao mesmo tempo se deixa abandonado o patrimonio municipal ou se permiten actuacións que ao longo dos anos provocaron danos importantes e, nalgúns casos, irreversibles”, critica a portavoz.
PUBLICIDADE
Para o BNG, o ocorrido coa obra do parque infantil “é un exemplo máis dunha forma de
gobernar na que se dá prioridade ao anuncio fronte á planificación e ao control”. “O
resultado é unha obra paralizada, unha morea de terra ocupando a vía pública, menos espazo para os camioneiros e as familias de Silleda esperando por un parque infantil
que debería estar xa próximo a rematar”, sinala Rey.
“O importante non é anunciar obras nin sacar fotos. O importante é planificalas correctamente, controlar a súa execución, xestionar ben os residuos e respectar o
patrimonio desde o primeiro momento”, conclúe a concelleira do BNG.









Comentarios