O BNG de Silleda cuestiona a localización da pista multideporte, na Praza de Juan Salgueiro
- ecosdacomarca
- hace 4 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda cuestiona a localización da pista multideporte que o goberno local quere implantar na Praza de Juan Salgueiro. "Fai apenas unhas semanas, o goberno de Silleda fixo pública a modificación do proxecto para a construción dun Skate Park e unha cancha multideporte, informando que a primeira se localizaría nun terreo público situado á entrada da praza pola rúa Antón Alonso Ríos, mentres que a pista multideporte se pretende situar no medio da praza, na parte intermedia entre o que queda de zona verde e a explanada, creando, en palabras do propio goberno, unha “zona de transición”. Isto contrasta coa información que se coñecía ata agora, pois a intención pública era localizar ambas instalacións no terreo público situado á entrada da praza, cousa que finalmente non é posible por falta de espazo físico".

Unha vez feita pública esta modificación, os concelleiros do BNG fixeron unha petición de información, co fin de coñecer os detalles do proxecto. "Revisado o expediente, e vista a
volumetría da pista multideporte (12 por 6 metros de base e 3 metros de altura) desde o BNG consideramos que este novo emprazamento, mais que transición o que crearía é unha división do espazo, a parte de recortar o tamaño da praza, que xa hoxe en día se queda pequena para moitas celebracións. Lembremos que esta praza -coñecida de sempre como a Praza da Feira Vella- é un espazo central da vila de Silleda onde acoden diariamente moitos veciños e veciñas coas súas crianzas, e onde se realizan xuntanzas colectivas tan importantes como o xantar da Festa do Lacón ou o dos Baldreus".
Por iso mesmo, piden ao goberno que considere outras localizacións para esta cancha multideporte, "polo impacto visual que vai xerar e por limitar os usos para outros fins. Nesa liña, instamos ao goberno a buscar outra localización para a pista, ou incluso valorar a
ampliación da que existe actualmente na Carballeira das Pedrosas, na cal debería incrementarse as labores de limpeza para que estea sempre en boas condicións, a diferenza do que sucede na actualidade".
Publicidade
Respecto ao futuro da Praza da Feira Vella, desde o BNG animan ao goberno a retomar as negociacións para adquirir as parcelas privadas contiguas que aínda non foron edificadas e así poder ampliar o espazo público. "Queremos lembrar que en 2018 se fixo unha consulta á veciñanza que reclamou unha reordenación dos espazos, cuestión da que non
se volveu saber nada ata hoxe, 7 anos despois. Compre lembrar que nos últimos 18 anos non se fixeron grandes reformas na que debería ser a praza principal da vila, máis alá de eliminar parcialmente o tráfico rodado e renovar o parque infantil, o cal evidencia a falta de proxecto que guía ao goberno socialista neste ámbito, sendo a colocación da nova pista multideporte no medio un exemplo máis desta improvisación” sinala a voceira, Erea Rey.
Comments