top of page

O BNG de Silleda alerta "dun grave deterioro do control económico municipal"

hace 33 minutos
3 min de lectura

Ecos da Comarca/Silleda

O servizo de Intervención do Concello de Silleda vén de facer público o informe anual de control financeiro correspondente ao exercicio 2025, un documento técnico no que se fiscaliza a xestión económico-financeira municipal e se analiza o funcionamento de distintos ámbitos da administración local. O BNG quere facer públicas as principais conclusións deste informe e trasladar á veciñanza "a súa profunda preocupación polo que considera unha evidencia de graves problemas de planificación, organización e control interno na xestión do goberno municipal".

Os concelleiros do BNG de Silleda diante do Consistorio (foto de arquivo).
Os concelleiros do BNG de Silleda diante do Consistorio (foto de arquivo).

Para a formación nacionalista, a relevancia deste documento reside precisamente "en que non se trata dunha denuncia da oposición nin dunha valoración política, senón das conclusións emitidas polo órgano municipal encargado de velar pola legalidade e polo correcto uso dos recursos públicos".


Neste sentido, o BNG subliña que o informe "non analiza unha incidencia puntual nin unha cuestión concreta, senón que detecta deficiencias en ámbitos tan diversos como a contratación pública, a xestión patrimonial, o control do persoal ou a supervisión de determinadas axudas municipais". Para os nacionalistas, a repetición destas advertencias en áreas diferentes "debuxa un panorama preocupante sobre o funcionamento interno do Concello".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Un dos aspectos máis relevantes recollidos no informe refírese á contratación pública. "A

Intervención municipal advirte do risco de fraccionamento indebido de contratos e da utilización reiterada de contratos menores para a prestación de servizos recorrentes, alertando dunha insuficiente planificación das necesidades municipais e da ausencia de procedementos abertos de contratación en servizos que se manteñen no tempo".


O documento, apunta o Bloque, "tamén chama a atención sobre a situación do patrimonio municipal". "A día de hoxe, o Concello continúa sen contar cun inventario de bens aprobado e actualizado, unha circunstancia que leva á propia Intervención a cuestionar a fiabilidade dos datos patrimoniais recollidos nas contas municipais e a advertir da necesidade urxente de regularizar esta situación".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

No ámbito da xestión de persoal, o informe, segundo os nacionalistas, "sinala a inexistencia de criterios xerais e obxectivos para a asignación dos complementos de produtividade salarial, advertindo de que esta situación dificulta o control e a xustificación destas percepcións económicas. A maiores, a Intervención detecta deficiencias no control das horas extraordinarias realizadas no Servizo de Axuda no Fogar e recolle tamén problemas na documentación e verificación de determinados expedientes de axudas de emerxencia social, nos que non foi posible acreditar documentalmente o cumprimento de todos os requisitos esixidos".


A portavoz municipal do BNG, Erea Rey, considera que o documento “proxecta unha imaxe moi preocupante da forma na que se están xestionando os recursos municipais. Falamos de servizos que non se planifican adecuadamente, dun patrimonio municipal que segue sen estar correctamente inventariado, de mecanismos de control insuficientes e de deficiencias que aparecen de maneira reiterada en distintos ámbitos da administración”.


A portavoz nacionalista engade que “cando estas observacións proceden dun informe técnico e independente, elaborado por quen ten a obriga de supervisar a xestión económico-financeira do Concello, o goberno municipal debería asumir a súa responsabilidade e explicar que medidas pensa adoptar para corrixir estas situacións”.


O BNG anuncia que levará estas cuestións ao próximo Pleno municipal, que se celebrará hoxe, venres 25 de setembro, e solicitará explicacións detalladas ao goberno local sobre as actuacións que pensa desenvolver para atender as recomendacións formuladas pola Intervención municipal e corrixir as deficiencias detectadas.


“Nun Concello poden existir discrepancias políticas, pero o que resulta moito máis difícil de explicar é que sexa o propio órgano de control interno quen estea advertindo de problemas de planificación e de control en ámbitos tan sensibles da xestión pública. Este informe debería servir como un serio toque de atención para o goberno municipal e como punto de partida para corrixir unha forma de xestionar que está a amosar evidentes sinais de esgotamento”, conclúe Erea Rey.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page