Medio Rural amplía a época de alto risco de incendios forestais deste ano ata o vindeiro 15 de outubro
A Consellería publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a resolución polo que se amplía este período que, inicialmente, remataba o 30 de setembro
Laura Moure/Xeral
A Consellería do Medio Rural publicou este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se amplía a época de perigo alto de incendios forestais durante o ano 2026 nas datas comprendidas entre o 1 e o 15 de outubro. Esta decisión vén motivada polas actuais condicións meteorolóxicas.
Neste sentido, o pasado 11 de xuño publicouse no DOG a orde que determina a época de perigo alto de incendio, que abrangue do 1 de xullo ao 30 de setembro. Esa mesma orde recolle a posibilidade de modificar ditas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

Polo tanto, Galicia continuará en alto risco de incendios ata o 15 de outubro, cun operativo que seguirá moi atento e en garda. A Consellería do Medio Rural lembra tamén que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
PUBLICIDADE
Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. A maiores, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
Ligazón á resolución de hoxe no DOG:
PUBLICIDADE
Por outra banda, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, reuniuse onte cos representantes sindicais do persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galicia na que acordaron a convocatoria da mesa de negociación para abordar o convenio das condicións de traballo unha vez pase a tempada de alto risco de incendios forestais.
Na reunión, na que tamén estiveron presentes a secretaria xeral técnica, Marta Forés, e o
director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, deuse este paso adiante co
obxectivo seguir desenvolvendo melloras laborais específicas nesta categoría profesional.
Neste sentido, a conselleira trasladou aos sindicatos o apoio da Xunta na súa
reivindicación sobre a aplicación de coeficientes redutores na idade de xubilación nesta
categoría, unha cuestión que depende do desenvolvemento dunha normativa a nivel
estatal. Cabe recordar que a solicitude das organizacións sindicais é o establecemento da
xubilación anticipada aos 60 anos nos grupos A1 e A2 dentro da escala de Enxeñeiros
Técnicos.









Comentarios