Homenaxean a 28 presos de San Simón, entre eles 3 de Deza, e ás mulleres que os auxiliaron
O secretario de Estado de Memoria Democrática defende a memoria das vítimas como “un dos principais antídotos para combater tantos contos e mentiras” sobre a ditadura
Laura Moure/Deza
O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, reivindicou onte nas illas de San Simón e San Antón o legado dos presos do penal e das “madriñas” que os auxiliaron durante o seu cativerio como un referente para a defensa dos valores democráticos. “Os seus legados dannos forza para seguir defendendo a liberdade, a democracia e os dereitos humanos”, afirmou.
Fernando Martínez defendeu ademais que “a memoria das vítimas é un dos principais antídotos para combater tantos contos e mentiras que esparexen os herdeiros do fascismo e da ditadura”. Neste sentido, sinalou que a memoria dos presos e a solidariedade das madriñas constitúen “un magnífico referente para os demócratas e amantes da liberdade”.
O secretario de Estado participou na homenaxe organizada conxuntamente polo Goberno de España a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e o Concello de Redondela para lembrar aos presos do penal das illas de San Simón e San Antón e recoñecer tamén ás mulleres da zona que lles prestaron axuda durante o seu cativerio. O acto enmárcase no cumprimento da Lei de Memoria Democrática e nos seus principios de verdade, Xustiza, Reparación e Deber de Memoria como garantías de non repetición.
PUBLICIDADE
Na homenaxe participaron tamén o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto con outras autoridades, representantes de entidades memorialistas e familiares das vítimas.
Recoñecemento e reparación a 28 presos
Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega das Declaracións de Recoñecemento e Reparación Privado a familiares e descendentes de 28 presos, procedentes de distintos municipios. As Declaracións de Recoñecemento e Reparación Privado, contempladas na Lei 20/2022, de Memoria Democrática, supoñen o recoñecemento e a reparación moral por parte da democracia española de quen padeceu persecucións, condenas, sancións, prisión ou outras formas de violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza durante a Guerra Civil e a Ditadura.
O acto recoñece a 28 presos, entre eles tres de Deza, das máis de 5.600 persoas que pasaron polo penal de San Simón entre outubro de 1936 e marzo de 1943. Trátase dun primeiro recoñecemento que terá continuidade máis adiante para homenaxear tamén a outras persoas que sufriron a represión no penal. O Goberno declarou o pasado mes de agosto as illas de San Simón e San Antón como Lugar de Memoria Democrática, recoñecendo oficialmente a súa relevancia como espazo de represión e encarceramento durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura. A resolución contabiliza ademais máis de 517 falecementos no penal, aos que se suman os producidos por fusilamentos e “paseos”.
Jaime Blanco de Lalín
Entre os familiares asistentes estiveron os de Jaime Agra Blanco, veciño de Lalín e preso na colonia penitenciaria de San Simón durante a represión franquista, participaron este xoves no acto institucional. No acto, Román Santalla, Daniel Santalla e Álvaro Santalla, descendentes de Jaime Agra Blanco, recolleron a súa Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal.

"O recoñecemento é extensivo a todas as vítimas do penal, incluidas as da comarca. Polo menos 83 presos vinculados a Deza figuran na relación de persoas que pasaron pola colonia penitenciaria de San Simón, procedentes principalmente de Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Agolada e de numerosas parroquias da comarca. O acto celebrado hoxe forma parte do proceso de recoñecemento e reparación da memoria das persoas represaliadas e tamén das madriñas de San Simón, mulleres do entorno que axudaron aos presos con alimentos, roupa e servindo de enlace coas súas familias. O penal funcionou entre 1936 e 1943 e por el pasaron máis de 5.600 presos. As illas de San Simón e San Antón foron declaradas este ano Lugar de Memoria Democrática polo Goberno de España", recalcan os familiares que engande que para a familia de Jaime Agra Blanco, a reparación recibida "serve para lembrar e dignificar a memoria de todos aqueles veciños de Deza que sufriron a represión, así como das familias que durante décadas conservaron a súa memoria".
A memoria das “madriñas”
A homenaxe recoñeceu igualmente a solidariedade das coñecidas como “madriñas”, fundamentalmente mulleres de Cesantes que axudaron aos presos levándolles alimentos e roupa e actuando como ligazón coas súas familias. Este papel de resistencia e solidariedade está recoñecido expresamente na declaración das illas como Lugar de Memoria Democrática.
Precisamente, o acto contou coa intervención de María Barros, descendente de vítimas e madriñas, e co testemuño do escritor e xornalista Manuel Rivas, alén da proxección de pezas audiovisuais dedicadas ás vítimas e ás mulleres que as auxiliaron. A xornada combinou memoria, reparación e cultura, coa participación de Uxía e a lectura de Canto Matricial das Augas Libres pola súa autora, Olga Novo, escritora e membro da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo. A homenaxe concluíu co descubrimento da placa de Lugar de Memoria Democrática e unha ofrenda floral, acompañada pola actuación da chelista Margarita Mariño.
PUBLICIDADE
As Declaracións de Recoñecemento e Reparación Privado entregadas aos seus familiares lembran a 28 presos do penal de San Simón que sufriron a represión nas illas:
Diego San José de la Torre — natural de Madrid; tras saír de San Simón fixou a súa residencia en Redondela.
Segundo Freire Rivas — Redondela.
Manuel Blanco Camiña — Redondela.
Manuel Barros Montero — Redondela.
Alfredo Bautista Alconero — natural de Ponteareas e veciño de O Porriño.
Alfonso Moreda Vázquez — Vigo.
José Benito García Santiago — Pontevedra.
Jaime Agra Blanco — Lalín.
Luis Agra Blanco — Lalín.
Antonio Gómez López — Vila de Cruces.
Dámaso Giráldez Piña — A Cañiza.
Joaquín Nores Rodríguez — Cangas do Morrazo.
Antonio Fernández Fernández — Cangas do Morrazo.
Ramón Costas Otero — Cangas do Morrazo.
Dámaso Carrasco Duaso — Vilagarcía de Arousa.
Antonio Blanco Solla — Marín.
Andrés Santos Rodríguez — Marín.
Eduardo Otero Molas — Marín.
José González Táboas — Mondariz.
Celestino Carbia Campaña — Valga.
Antonio Rodríguez González — Vilacoba, Salvaterra de Miño.
Manuel Graña Pouseu — Bueu.
Amancio Caamaño Cimadevila — natural de Negreira e veciño de Pontevedra.
José Adrio Barreiro — Pontevedra.
Germán Adrio Mañá — natural de Vilagarcía de Arousa e veciño de Pontevedra.
Celestino Poza Cobas — Pontevedra.
Luis Poza Pastrana — Pontevedra.
Celestino Poza Pastrana — Pontevedra.









Comentarios