O BNG de Silleda alerta de que a tala do castiñeiro da Avenida do Parque "podería ser ilegal"
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 2 Min. de lectura
Sinala o Bloque que "vulnera a autorización de Patrimonio"
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda vén de advertir ao goberno municipal "dunha posible ilegalidade grave no proxecto de tala das árbores da Avenida do Parque". Tras revisar o expediente, o grupo nacionalista detectou que "a autorización sectorial de Patrimonio de Galicia condiciona expresamente a obra ao respecto dos elementos protexidos, incluído o arboredo frondoso autóctono existente na contorna".

A resolución de Patrimonio autoriza a actuación, tal e como sinala o Bloque, “de acordo co cumprimento das condicións establecidas no punto 2.4”, onde se especifica que deberá respectarse “o arboredo frondoso autóctono”. "No ámbito da obra existe un castiñeiro frondoso, especie autóctona galega incluída nese apartado, polo que calquera tala ou dano sobre esa árbore podería vulnerar a autorización sectorial".
O BNG rexistrou onte un escrito urxente advertindo ao Concello de que intervir sobre ese castiñeiro podería ter consecuencias legais para a administración local e esixindo que se modifique de inmediato este apartado do proxecto para garantir o cumprimento da resolución de Patrimonio.
A voceira municipal, Erea Rey, afirma que “non estamos diante dun detalle menor: estamos ante unha condición obrigatoria que o goberno está ignorando. Se tocan esa
árbore, están incumprindo unha autorización oficial e abrindo a porta a responsabilidades para o Concello”.
Publicidade
Desde o BNG lembran, ademais, que a alcaldesa "continúa negándose a entregar un informe técnico que é propiedade do Concello e non seu, e que debería xustificar a actuación prevista". “A actitude da alcaldesa xa é insostible: ocultar documentos,
esquivar preguntas e bloquear información. Son comportamentos máis propios dun caciquismo que dun goberno democrático” engadiu Rey
A voceira reclamou ademais respecto institucional e laboral: “Nós saímos do Pleno e volvemos aos nosos traballos; ela cobra 50.000 euros por dedicar o día enteiro ao Concello. Que, polo menos, respecte o traballo dos concelleiros da oposición e entregue
a información que é obrigatoria entregar”.
PUBLICIDADE
O BNG esixe ao goberno municipal "que rectifique, que respecte a legalidade e que
deixe de actuar como se a administración pública fose un espazo privado ao seu servizo".








Comentarios