O BNG de Silleda alerta "da deriva autoritaria do goberno local ante o plan de axuste non dialogado"
- ecosdacomarca

- 21 mar
- 3 min de lectura
Recalca que "o executivo decidiu elaborar o PEF ás agachadas, sen informar nin consultar coa oposición, actuando como se tivese unha maioría absoluta que non posúe"
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda considera "irresponsable e enganoso que o Goberno municipal trate de proxectar unha imaxe de éxito económico cando, á vez, leva ao Pleno un Plan Económico-Financeiro por incumprir a regra de gasto. Non se pode falar de boa xestión mentres se activa un mecanismo de axuste".
Recalca que "o executivo decidiu elaborar o PEF ás agachadas, sen informar nin consultar coa oposición, actuando como se tivese unha maioría absoluta que non posúe. A corporación tivo que coñecer os detalles dese plan a través da prensa, nunha mostra máis da falta de diálogo e transparencia que caracteriza a este Goberno".

A portavoz do BNG, Erea Rey, subliña que “un plan financeiro non se trae redactado e
decidido: compártese, explícase e debátese con todos. Pretender que a oposición o avale
ás cegas é unha falta de respecto institucional e unha mala práctica democrática”.
"A incoherencia do Goberno evidénciase tamén ao revisar as súas propias decisións dos
últimos meses. En outubro de 2025, o propio executivo asegurou que recollía a proposta do BNG para baixar o IBI, o máis alto da comarca, e comprometeuse a facelo en 2025 ou,
como moi tarde, en 2026. Hoxe é evidente que aquelas palabras quedaron en nada: mentres anunciaban esa rebaixa, xa se estaba xestando un desaxuste nas contas municipais que fai imposible aplicar esa baixada e que agora nos obriga a un plan de
control financeiro. Outra mostra dunha política económica feita de improvisación e
aparencia".
Publicidade
O mesmo, apunta o Bloque, "ocorre co crédito de 1,75 millóns de euros aprobado en 2024 para o plan de asfaltados. Daquela, o acordo incluía destinar a totalidade dos remanentes á amortización do préstamo, para evitar que Silleda se afundise nunha débeda estrutural.
Agora, sen ningún tipo de respecto polo pactado, o Goberno pretende destinar só a metade do remanente, incumprindo outra vez un compromiso co BNG. E por riba, a
alcaldesa anuncia en solitario un segundo plan de asfaltados, sen dialogar nin consensuar
co BNG, como forza que promoveu o primeiro".
O plan inclúe, ademais, a venda dun solar municipal por 60.000 euros, "unha operación
que o Goberno tenta presentar como un trámite pero que, na realidade, revela problemas
de liquidez". Para o BNG, "utilizar patrimonio municipal para tapar desaxustes é unha mala decisión, porque empobrece ao Concello a longo prazo".
PUBLICIDADE
O BNG defende unha alternativa "clara e responsable: destinar todo o remanente de tesourería á amortización da débeda, reducindo xuros, fortalecendo a solvencia e
evitando hipotecar o futuro do municipio. Se realmente hai tensión de liquidez, o camiño
non é vender solo público, senón priorizar o gasto e reducir o non esencial".
"O Goberno pretende agora que a oposición asuma a responsabilidade dun plan que redactou en solitario". O BNG esixe transparencia, acceso inmediato á documentación
completa e un debate serio sobre as causas do incumprimento e as consecuencias das
medidas propostas. O BNG actuará "con responsabilidade, pero non permitirá que se impoña un plan de axuste non dialogado, mal explicado e construído á marxe da corporación que ten que votalo".








Comentarios