Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda anunciou este mércores que se vai abster no pleno de investidura e que traballará desde a oposición na vindeira lexislatura.
Este é o seu comunicado:
O BNG de Silleda, á vista dos resultados das pasadas eleccións municipais celebradas o 28 de maio de 2023, no que o grupo municipal socialista perdeu a maioría absoluta que mantiña desde o ano 2015, e o BNG acadou unha suba de 6 puntos porcentuais que lle valeu a obtención dunha segunda acta de concelleiro, fai a seguinte lectura política:
• Desde o BNG celebramos que o desencanto coa acción política do anterior goberno municipal sexa capitalizado integramente polo BNG, mentres que a alternativa do PP mantense estancada en termos porcentuais e número absoluto de apoios.
• O pobo decidiu que debe ser o PSOE, con 6 actas de concelleiro/a, quen exerza a acción de goberno do municipio durante os vindeiros 4 anos.
• Desde o BNG estimamos que, neste momento, existe unha situación de falta de
confianza no equipo local do PSOE, o cal impide a conformación dun goberno de
coalición, que de existir debería estar baseado no respecto e na co-responsabilidade entre ambas partes.
• Pola contra, interpretamos o resultado do BNG como un mandato da cidadanía ao
grupo nacionalista para, dunha banda, exercer un labor de control e fiscalización e,
doutra banda, ser alternativa de goberno.
Por todo o anterior, o BNG rexeita a oferta realizada polo PSOE para ser parte do próximo
goberno municipal e anuncia a súa abstención no pleno de investidura.
Ademais, o BNG trasladou ao PSOE as seis demandas básicas que cremos deben guiar a
acción política máis urxente:
1. Política de contratacións de obras e servizos: convocar, cando menos, a todas as empresas locais que poidan ofertalos, de modo que todas poidan beneficiarse en igualdade de condicións.
2. Transparencia: garantir o acceso de todos os concelleiros/as da corporación, incluídos
os da oposición, á documentación presentada no rexistro municipal, xunto as actas das
xuntas de goberno e os decretos da alcaldía, sen demoras innecesarias que dificultan
arbitrariamente o control político por parte da oposición. Volver aplicar o Regulamento de
Participación Cidadá promovido polo BNG nno goberno municipal en 2012.
3. Imposto de Bens Inmobles (IBI): rebaixa inmediata do tipo de gravame do IBI en Silleda para igualala á tarifa vixente no resto de municipios da nosa contorna.
4. Servizo de Axuda no Fogar (SAF): o próximo goberno de Silleda comprométese a manter o carácter municipal do servizo, procurando que se dote dos medios e recursos necesarios.
5. Vertedoiro de Campomarzo: paralizar a reapertura do vertedoiro de Campomarzo e
perseguir a retirada de todos os elementos alí depositados no pasado.
6. Proxectos eólicos no municipio: rexeitar as novas liñas de evacuación de alta tensión
que se prevé atravesen Silleda e rematen en Carboeiro. Se é preciso, paralizar ou
obstruír a obra de Monte Festeiros mentres non saia a exposición pública o estudo
completo dos efectos acumulativos e sinérxicos do conxunto de infraestruturas
eléctricas, instaladas e previstas, para facer unha correcta valoración das afeccións
económicas, ambientais e sobre a saúde na zona de Carboeiro e Saídres.
Comments