top of page

O BNG de Melide rexistra unha moción para a catalogación do Muíño de Furelos

O Bloque, no escrito dirixido a Medio Ambiente, solicita a suspensión e paralización, de xeito cautelar e temporal da obra a realizar na tosta do río Furelos aos efectos de estudo de alternativas


Ecos da Comarca/Melide

Este luns, 31 de agosto, o BNG de Melide rexistrou unha moción co obxectivo de que o Pleno Municipal se pronuncie sobre o inicio do expediente para a catalogación do Muíño sito na parroquia de Furelos (Melide), así como as súas infraestruturas asociadas como a tosta e a canle, coñecido actualmente como Muíño de Ludivina.

Muíño de Furelos. Autor: Museo Da Terra de Melide.
Muíño de Furelos. Autor: Museo Da Terra de Melide.

O pasado venres, a formación nacionalista celebrou unha asemblea para abordar este tema e, previo estudo de avaliación (técnica e legal) tomar unha postura ao respecto, co obxectivo de que calquera actuación na tosta estea fundamentada na prevalencia da mellora ambiental e ecolóxica e na calidade das augas do río Furelos, preservando tamén o valor etnolóxico e interese patrimonial da mesma.


O motivo fundamental de dar este paso obedece a que o Muíño de Ludivina non está catalogado nin figura como tal en ningún instrumento de planeamento municipal (NNSSMM/1994) nin autonómico (Plan Básico Autonómico). Tampouco está catalogado nin protexido pola Lei de Patrimonio Cultural de Galiza (LPCG/2016) xa que dita Lei unicamente outorga aos muíños un valor etnolóxico pero non os protexe directamente.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A portavoz municipal, Ana Mosteiro, explica na moción que “o Muíño de Ludivina de Furelos axústase á tipoloxía tradicional dos muíños galegos, conserva de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, polo que se lle recoñece un notable valor cultural como ben etnolóxico, que xustifica a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galiza”.


A formación nacionalista pretende con esta moción que Concello de Melide inste á Consellería de Cultura a incoar o procedemento para salvagarda e protección patrimonial de dito ben.


Ao mesmo tempo, o BNG de Melide tamén rexistrou hoxe un escrito semellante dirixido á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Neste caso, trátase dun escrito de dez páxinas cun anexo fotográfico no que se solicita: “A incoación, por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude do expediente de incorporación ao Catálogo de Patrimonio Cultural de Galiza do Muíño de Ludivina ou Muíño da Ponte de San León situado na parroquia de Furelos (Melide) e súa infraestrutura asociada (tosta e gabia), de acordo co procedemento previsto nos arts. 26 e ss Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia”.


ESCRITO DIRIXIDO A MEDIO AMBIENTE

Pola súa banda, o BNG tamén acordou rexistrar este luns un escrito, independente da moción, dirixido á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático coa seguinte petición:

“1.- A suspensión e paralización, de xeito cautelar e temporal  por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da execución da obra a realizar na tosta do río Furelos, dentro do proxecto de acondicionamento e mellora da conectividade da praia fluvial do río Furelos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

2.- Estudo e avaliación doutras posibles alternativas, tecnicamente viables, que, excluíndo, reducindo ou minimizando o impacto derivado da demolición de parte da actual tosta, teñan sempre como obxectivo principal a prevalencia dos valores ambientais do río Furelos, do seu caudal ecolóxico, da calidade (xeral e de baño) das augas e a preservación dos valores etnolóxicos e patrimoniais da tosta e da gabia, así como o conxunto da infraestrutura hidráulica do Muíño de Furelos”.


Ana Mosteiro agarda que desde o goberno da Xunta de Galicia se escoite a demanda da súa formación que persegue a “suspensión (e estudo de alternativas) que impidan a execución dun contrato que suporía a demolición efectiva dun tramo de 10m de tosta, de difícil ou moi complexa reversión”.


Lembramos que hoxe, 31 de agosto, ás 20:30 horas haberá unha concentradión diante do Consistorio de Melide para protexer a tosta de Don Antonio. Máis información: https://www.ecosdacomarca.com/post/melide-acolle-hoxe-31-de-agosto-unha-nova-concentraci%C3%B3n-en-defensa-da-presa-de-don-antonio

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page