O BNG de Lalín solicita que se recupere a celebración da Gala do Deporte Municipal
- ecosdacomarca

- 4 jul 2025
- 2 Min. de lectura
"Buscamos a visibilización do deporte base e do talento que existe en Lalín", recalca Manuel Carbón
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín vén de solicitar ao goberno municipal que retome a celebración da Gala do Deporte Municipal, un evento que consideran esencial para recoñecer o esforzo, a dedicación e os éxitos das persoas e entidades deportivas deste concello.

O responsable de Organización do BNG, Manuel Carbón, critica que "hai xa tres anos que non se organiza dito evento cando foi durante anos unha cita destacada no calendario local, servindo como espazo de encontro entre clubs, deportistas, familias e a veciñanza en xeral, e contribuíndo á visibilización do deporte base e do talento que existe en Lalín. A súa desaparición nos últimos anos supón un baleiro no recoñecemento institucional a quen
traballa día a día por fomentar valores como a constancia, o traballo en equipo e o
compromiso".
Publicidade
Desde o BNG consideran que a recuperación desta gala non só sería un xesto de xustiza co tecido deportivo local, senón tamén unha ferramenta útil para seguir promovendo hábitos saudables e o espírito de comunidade. Por iso, instan os nacionalistas ao goberno local a organizar este evento con criterios de transparencia, promoción e participación.
Ademais, Carbón propón que a organización da gala se faga contando coa colaboración
dos clubs e entidades deportivas, para que o formato, os premios e as actividades
respondan ás necesidades e intereses do sector. "O deporte é unha parte fundamental da vida social e cultural de Lalín, e desde o BNG seguiremos traballando para que reciba o apoio e recoñecemento que se precisa e que gañou a pulso polo magnífico traballo que se leva realizando ao longo de moitos anos desde os distintos clubes deportivos".
Publicidade
Remata o nacionalista facendo un ofrecemento sen condicións ao Goberno Local, para
sentarse a consensuar en positivo e coa mellor das aptitudes posibles, as condicións, normas, datas, etc "que fagan posible que este evento xente de novo un referente e un
orgullo para a nosa vila".








Comentarios