top of page

O BNG de Lalín reclama á Xunta declarar o municipio como "zona tensionada" pola situación da vivenda

25 sept
3 min de lectura

Ecos da Comarca/Lalín

O Grupo Municipal do BNG de Lalín, formado por Mari Carmen Fernández Sanmartín e Manuel Carbón Tallón, reclama ao Goberno local que inicie os trámites para solicitar á Xunta de Galicia a declaración de Lalín como "zona tensionada" do mercado da vivenda.

Os nacionalistas consideran que o municipio afronta unha situación de "emerxencia habitacional", marcada polo incremento dos prezos dos alugueiros, a escaseza de vivendas dispoñibles e o peso que o acceso á vivenda ten sobre as rendas das familias.


Segundo os datos citados polo BNG, recollidos de fontes como o Observatorio da Vivenda, o IGE, a Axencia Tributaria e o INE, alugar unha vivenda en Lalín custa actualmente 94 euros máis ao mes que en 2020, o que supón un incremento aproximado do 30% en cinco anos.

A formación tamén sinala que os principais portais inmobiliarios rexistraron aumentos dos prezos dos alugueiros do 6,8% en 2023, do 8,99% en 2024 e do 4,6% en 2025, e apuntan a novos incrementos durante este ano.


O BNG pon estes datos en relación co nivel de renda do municipio. Segundo expón, Lalín conta cunha das rendas medias por fogar máis baixas de Galicia, con arredor de 27.000 euros anuais por fogar e 10.318 euros de renda neta anual por persoa. Así, sinalan que para unha persoa soa o alugueiro dun piso podería representar "practicamente o 50%» dos seus ingresos mensuais".


Máis de 3.500 vivendas baleiras

Outro dos aspectos que destaca a formación nacionalista é a existencia dun importante número de vivendas baleiras. Segundo os datos do INE citados na iniciativa, entre o 28% e o 36% do parque inmobiliario de Lalín estaría desocupado, o que suporía máis de 3.500 vivendas fóra do mercado.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O BNG tamén fai referencia aos datos da Dirección Xeral do Catastro de 2025, segundo os cales existen no municipio 46 persoas titulares de máis de cinco inmobles. Entre elas, 41 terían ata dez inmobles ao seu nome, catro serían titulares de 25 e unha persoa tería 100 inmobles.


A formación lembra que xa presentou iniciativas no Concello para aplicar medidas previstas na Lei de Vivenda 12/2023, entre elas a posibilidade de establecer recargas no IBI ás vivendas baleiras que non se incorporen ao mercado do alugueiro, dentro do marco legal correspondente.


Lalín xa figuraba como municipio tensionado nos estudos do Observatorio

O BNG sostén ademais que Lalín xa aparecía nos estudos realizados polo Observatorio da Vivenda de Galicia como concello que cumpría os criterios relacionados coa tensión do mercado do alugueiro.


Segundo os datos achegados na iniciativa, entre 2017 e 2021 o prezo da vivenda no municipio incrementouse un 11,4%, mentres que a variación respecto do IPC era do 3,8%. No estudo correspondente ao período 2018-2022, o incremento do prezo chegaba ao 20,6%, cunha variación sobre o IPC do 6,1%.


A formación sinala que, na análise dos anos 2020, 2021 e 2022, Lalín figuraba entre os concellos galegos que levaban tres anos en situación de tensión. Neste contexto, os nacionalistas poñen como referencia os casos de Santiago de Compostela e A Coruña, municipios que tramitaron a súa declaración como zonas tensionadas, e defenden que Lalín tamén debe iniciar este procedemento para poder acceder ás medidas e recursos vinculados a esta figura.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Solicitan un grupo de traballo municipal

Por todo isto, o BNG pide ao Goberno local que inicie o expediente para reclamar diante da Xunta a declaración de Lalín como zona tensionada. Ademais, solicita a creación dun grupo de traballo no Concello, coa participación e consulta de colectivos veciñais, para recompilar datos e documentación que permitan fundamentar a petición ante a Administración autonómica.


A formación reclama que o procedemento se tramite pola vía de «urxencia», co obxectivo de que Lalín poida beneficiarse das medidas e recursos que se habiliten no ámbito estatal e europeo para afrontar a problemática do acceso á vivenda.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page