top of page

O BNG de Lalín propón un plan municipal de atención a familias e persoas vulnerables

Mari Fernández denuncia “situación de abandono” de moitas familias “nun momento especialmente complicado”


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín considera “urxente” a posta en marcha no concello dun “Plan Municipal de Atención a Familias e Persoas Vulnerables” que dea resposta á auténtica “emerxencia socioeconómica” que están a experimentar veciñas e veciños deste concello. A voceira municipal, Mari Fernández Sanmartín, explica que o BNG local “ten constatado sobre o terreo moitas destas situacións de vulnerabilidade” tanto de veciñas e veciños a título individual como de familias enteiras, e demanda “unha resposta axeitada do goberno municipal”. Diante destas situacións “é cando se ve si hai un goberno local que se preocupa pola veciñanza” e exixe “que nos convoquen a todos os grupos municipais para deseñar actuacións de política social municipal”.

O contexto socioeconómico actual “está a xerar problemas a moitas familias”, destaca Fernández Sanmartín, a suba dos prezos dos combustibles, da cesta da compra, dos impostos municipais e o “imposible” mercado da vivenda en Lalín “están a complicarlle chegar a fin de mes a moitas familias do noso concello que xa se atopan en situación de vulnerabilidade”. A vivenda “leva xa máis do 40% das rendas dos fogares das nosas veciñas e veciños”, advirte Fernández Sanmartín, “polo que en moitos fogares sumar a iso encher a neveira, os gastos escolares e os custes enerxéticos provoca que non dean as contas”.


Desde o BNG de Lalín “temos claro que o concello ten que estar aí para detectar á veciñanza vulnerable e aportar orzamento e medidas efectivas de axuda sobre o terreo”. Segundo afirma Fernández Sanmartín “non é de recibo que só teñamos un goberno local para subir taxas e impostos municipais e recadar 600.000 euros máis nun ano”. Por iso o BNG de Lalín quere que este aumento “indecente” dos ingresos municipais “revirta na veciñanza, e especialmente na xente que o está pasando mal pola coxuntura económica e polo aumento impositivo imposto polos goberno do PP no concello”.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Advirte o BNG que “as políticas das cestas natalicias están moi ben pero evidentemente non son suficientes, e non cubren as necesidades de toda a poboación”. Segundo destaca a voceira nacionalista “tampouco están a dar moi bo resultado, cando segundo os últimos datos oficiais do IGE estamos en pouco máis dos 20.000 habitantes e con risco de perder a categoría”. Diante desta situación o BNG pide “alturas de miras, e un goberno que mire pola veciñanza”. Critica Fernández Sanmartín que os servizos sociais do concello “están de costas á realidade social da cidadanía”. Por iso, o BNG de Lalín pide “uns servizos sociais á altura das veciñas e veciños e do que pagan de impostos municipais”. 


Necesidade “urxente” de medidas

Fronte ao discurso do goberno local do PP de “botar balóns e competencias fóra”, o BNG defende que “hai medidas e políticas sociais que un concello como Lalín pode poñer en marcha e financiar. Só hai que establecer prioridades”, asegura Fernández Sanmartín, que convida ao PP de Lalín a “sentarse con todos os grupos municipais e deseñar un plan de accións urxentes sobre o terreo que axuden ás persoas e familias vulnerables”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Desde a cesta da compra, a menús diarios, colaboracións con comerciantes locais e empresas e o deseño dunha “rede municipal” preocupada pola cidadanía e que atenda ao contexto socioeconómico para prestar a cada veciña e veciño a “atención, servizos e coidados polos que todos e cada un pagan en taxas e impostos”.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page