O BNG de Lalín pide un plan integral de apoio ao comercio local
- ecosdacomarca

- 19 sept 2025
- 2 Min. de lectura
Manuel Carbón: “A inacción do Concello está freando a xeración de emprego e privando a Lalín de oportunidades”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín denuncia que Lalín "está cada vez máis cheo de locais comerciais pechados e a nosa vila perdeu atractivo para emprender". Desde a organización nacionalista responsabilizan ao goberno municipal desta situación ao acusalo "de levar demasiado tempo de brazos cruzados, mentres o comercio e a hostalaría, piares fundamentais do noso tecido social e económico, ven como se apaga o seu futuro".

O seu responsable de organización, Manuel Carbón, afirma que "a inacción do Concello está freando o crecemento, a xeración de emprego e privando a Lalín das oportunidades que merece".
Destacan desde o BNG que "son moitos e moitas os profesionais do sector que lles transmiten as súas queixas e preocupación pola mala situación que están padecendo". Carbón acusa á concellería de Comercio "de levar todo o mandato ausente e non poñer en marcha ningunha estratexia clara nin un plan de traballo serio para apoiar ao sector. O Concello está deixando pasar oportunidades para revitalizar Lalín, atraer visitantes e apoiar ao noso comercio local. Non se trata só de organizar eventos puntuais, senón de contar cun plan coordinado e continuado no tempo que dea vida ao casco urbano e ao conxunto do municipio".
PUBLICIDADE
O BNG aconséllalle ao PP que se moleste "en informarse como noutros concellos semellantes ao noso se desenvolven campañas de promoción estacional, diséñase e aplícase a humanización de rúas, aproban partidas para programas de bonos de consumo, rutas gastronómicas, mercados temáticos ou festivais culturais que atraen xente e xeran movemento económico. En Lalín, pola contra, non se están a aproveitar nin os recursos propios nin as datas clave, como o verán, cando aumenta o turismo, eventos tradicionais ou as feiras e festas, para potenciar a actividade comercial e hostaleira".
Desde o BNG propoñen medidas urxentes a curto e medio prazo para mitigar o impacto dos cambios nos hábitos de consumo e frear a desaparición do comercio de proximidade. Entre elas:
• A curto prazo: campañas de descontos e bonos de compra para gastar no comercio local, feiras e mercados con produto de proximidade, e campañas de sensibilización para fomentar o consumo no pequeno comercio.
PUBLICIDADE
• A medio prazo: posta en marcha dun plan integral de revitalización do centro urbano, programación cultural e de lecer estable que atraia xente ás rúas, promoción turística coordinada coa hostalaría, mellora dos espazos públicos para facelos máis atractivos, e programas de formación para a súa modernización e adaptación ao comercio en liña.
Manuel Carbón asegura “que só se necesita de vontade política e dun proxecto ambicioso para revertir a realidade do noso comercio e a nosa hostalaría”, claves estas das que carece este goberno, e reclámalle ao PP “un cambio de rumbo de 180 grados, para apostar por un sector clave para dotar de vida e futuro a nosa vila”.








Comentarios