top of page

O BNG de Lalín pide que o goberno se reúna coa veciñanza da rúa Areal para tratar a implantación da zona azul

Sinala que a proposta parte dos numerosos veciños e veciñas "que lles trasladaron o seu rexeitamento a esta medida"


Ecos da Comarca/Lalín

Desde o BNG de Lalín consideran que a decisión de implantar a zona azul na rúa Areal "parte dun enfoque equivocado e non incide no problema real que creou o Goberno Municipal cunha actuación nesa rúa que é un auténtico despropósito a todos os niveis (estacionamento, seguridade vial, funcionalidade, estética, prazos de execcución, etc)".


Apuntan os nacionalistas que "foron moitos e moitas as veciñas que lle trasladaron as súas queixas polo mal deseño da rúa, mais agora tamén son numerosísimos os que lle transmiten a súa posición contraria a implantar dita zona azul, especialmente pola falta total de diálogo e nula consulta coa veciñanza".

A rúa Arenal de Lalín cando estaba en obras.

Acusan os nacionalistas ao PP "de hipócritas ao poñer por diante á veciñanza de dita rúa diante das unánimes queixas do lamentoso proxecto que se realizou (cando dicían que foran informados e que tiñan o visto bo dos residentes nesta rúa), máis agora que existen moitas voces contrarias a esta medida non se dignan nin en convocalos a unha reunión para coñecer a súa posición, e nin tan sequera lle dan explicacións cando llas piden a título individual".


Para o BNG unha decisión deste tipo non pode ir avalada “pola teórica decisión dos que nesta rúa teñen negocio na que a realidade é distinta tamén á que nos quixeron vender xa que existen negocios que son contrarios á mesma e incluso non recibiron a visita previa a que se rexistrara dita petición por parte de membros do goberno”. Apuntan os nacionalistas que ten que ser unha opinión a ter en conta máis tamén, e non menos importante tería que ser a da veciñanza.


Publicidade

O seu voceiro municipal, Paco Vilariño, que xa preguntou por este tema no pleno do pasado mes de marzo, sinala que os problemas de tráfico e aparcamento veñen motivados pola falla dun deseño dos espazos urbanos e pola máis que evidente falta total dun proxecto de vila como tamén o propio Vilariño fixo fincapé ao alcalde o venres pasado. Apunta Vilariño que "estamos ante unha nova improvisación por parte do goberno municipal que carece dun modelo para o noso concello. Hoxe necesitamos que Lalín deixe atrás propostas e modelos urbanos do século XX e se incorpore ao século XXI".


Vilariño asegura que esta rúa, igual que moitas outras, necesita de solucións integrais aos problemas que xeraron e non improvisar solucións parciais que son auténticos parques que o único que van facer é agravar a situación actual. O voceiro municipal manifestou que "ao único no que vai contribuír esta ocorrencia do PP é en aumentar o caos actual e aproveitar unha nefasta actuación para implantar unha medida totalmente ineficaz e que na

práctica só ten un afán recaudatorio".


En canto á dinamización da economía comercial da rúa, o BNG entende que este obxectivo non se vai acadar con esta medida de limitar o estacionamento a 90 minutos. Nese espazo de tempo é imposible facer unhas mínimas xestións, facer compras ou ir a un local de hostalería. "Para potenciar o comercio é preciso mellorar a súa contorna, e isto non só se limita a ampliar rúas... Precisamos crear un lugar mais atractivo e cómodo".


Publicidade

Para o Bloque "tentar saír desta situación bochornosa dicindo que é para dinamizar a economía incidindo unicamente nunha regulación dunha determinada zona de aparcamento non é a solución máis acaía". Pola contra entende "que vai provocar o efecto contrario, vai facer que moitas persoas deixen de interactuar nesta rúa".


Vilariño argumenta que "botamos en falta por ser esencial a consulta e diálogo cos veciños e veciñas directamente perxudicados e tamén a presentación dun estudo pertinente para facer esta proposta".


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page