O BNG de Lalín pedirá no pleno que se volvan instalar os 200 paraugas de cores
- ecosdacomarca

- 29 jul
- 2 min de lectura
Denuncia que permanecen gardados nun almacén municipal desde a chegada dos populares ao Executivo local
Ecos da Comarca/Lalín
O Grupo Municipal do BNG de Lalín presentará ao próximo pleno unha moción na que solicita ao goberno local do PP que volva instalar os máis de 200 paraugas de cores adquiridos no ano 2018 e que, segundo denuncian os nacionalistas, permanecen gardados nun almacén municipal desde a chegada dos populares ao Executivo local.

Na exposición de motivos, os concelleiros Mari Carmen Fernández Sanmartín e Manuel Carbón Tallón lembran que a instalación de 234 paraugas sobre a rúa Colón no verán de 2018 foi unha iniciativa impulsada polo BNG durante o goberno cuatripartito que, aseguran, recibiu unha gran acollida por parte da veciñanza, do comercio, das asociacións e tamén dos visitantes.
O BNG critica que, malia o investimento inicial xa estar realizado e o custo da súa reinstalación ser reducido, os paraugas "dormen o soño dos xustos" nun almacén municipal e non volveron colocarse desde que o PP asumiu o goberno. Segundo a formación nacionalista, oito anos despois a cidadanía continúa preguntando polo seu paradoiro e polos motivos polos que non se recuperou esta iniciativa.
PUBLICIDADE
Os nacionalistas consideran que detrás desta decisión existe un "revanchismo político" e unha vontade de eliminar proxectos desenvolvidos polo anterior goberno, a pesar de que, ao seu xuízo, os paraugas contribuíron a dinamizar a actividade comercial, atraer visitantes e ofrecer unha imaxe máis acolledora e atractiva da vila.
Na moción tamén propoñen ampliar este tipo de decoración a outras rúas do casco urbano mediante diferentes elementos ornamentais, co obxectivo de embelecer os espazos peonís, favorecer os paseos, impulsar a actividade comercial e crear novos atractivos turísticos.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Ademais, o BNG sostén que a recuperación destes elementos decorativos tamén podería contribuír a mitigar os efectos das altas temperaturas, ao proporcionar zonas de sombra durante os episodios de calor extrema. Neste sentido, lembra que Galicia atravesou varias vagas de calor este verán e fai referencia aos datos do Sistema de Monitorización da Mortaldade Diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III sobre as mortes atribuíbles ás altas temperaturas, que nos meses de xuño e xullo provocaron en Galicia xa 94 mortes atribuídas á calor.
PUBLICIDADE
Por todo iso, a formación nacionalista solicita ao pleno a aprobación de dous acordos: instar ao grupo de goberno municipal a desempoar os máis de 200 paraugas de
cores mercados pola Concellería de Turismo do goberno cuatripartito e encargar de
xeito urxente a súa montaxe, polo menos, os destinados á rúa Colón onde foron
colocados con grande éxito para a veciñanza e visitantes no ano 2018 e en segundo lugar,
solicitar ao goberno local levar a cabo a montaxe de elementos ornamentais distintos e variados noutras rúas do concello.









Comentarios