top of page

O BNG de Lalín levará unha moción para apoiar ao sector agrogandeiro galego

Ecos da Comarca/Lalín

Francisco Xavier Vilariño Taboada, voceiro do BNG no Concello de Lalín, presentará no vindiero pleno municipal unha moción de apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego. O Bloque salienta que o sector agrogandeiro representa o 10% das afiliacións á Seguridade Social no Concello de Lalín -segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE)- e case un 20% do Valor Engadido Bruto (VEB) da economía local, tamén segundo os últimos datos do IGE ao feche de 2025. "Desde o BNG alertamos de que Lalín é -segundo o último censo agrario do Instituto Nacional de Estatística (INE)- o concello galego con máis vacas (máis de 27.500) en case 640 explotacións que están en perigo pola competencia desleal que implica un acordo comercial que fai competir aos nosos gandeiros en desigualdade de condicións cos países do Mercosur".


Ademais, apunta, do sector bovino en Lalín ten máis de 200 explotacións de ovellas e cabras, outras 240 explotacións avícolas e 279 de porcino. "Todos os nosos gandeiros e gandeiras cumpren cos exixentes requisitos medioambientais e de benestar animal da Unión Europea, e agora con este acordo como queren PSOE e PP terán que competir

con producións de países que non teñen os mesmos requisitos".

Desde o BNG de Lalín consideran "indignante que o propio alcalde de Lalín e senador do PP, José Crespo, teña calado e apoiado este acordo comercial cos países do Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai) coñecendo a competencia desleal e os datos que

vai a supor para o sector agrogandeiro de Lalín e a Comarca do Deza". Para o BNG de Lalín "é un insulto aos gandeiros e gandeiras e un desprezo o feito de que o goberno local, estea calado e de perfil cando centos de gandeiros da contorna alertan de que este acordo podería supoñer o seu final."


Desde o día 29 de decembro de 2025, o sector agrogandeiro galego está a mobilizarse na demanda de reivindicacións xustas e, sobre todo, a favor da pervivencia do noso medio rural. As súas xustas reivindicacións baséanse no seguinte:


• Rexeitamento do acordo UE-MERCOSUR.

• Oposición á proposta de Marco Financeiro Plurianual da UE e á reforma da

PAC 2028- 2034.

• Reforma da Lei da Cadea Alimentar e garantía de prezos xustos.

• Simplificación e desburocratización dos servizos públicos e das tramitacións

das axudas da PAC.

• Garantías sanitarias fronte a enfermidades gandeiras: EHE e, sobre todo, a

DNC (Dermatose Nodular Contaxiosa).


 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Lembra que o pasado 6 de decembro de 2024 asinábase o acordo entre o MERCOSUR e a Unión Europea. Tal e como xa tiña denunciado o BNG, "este acordo está a causar unha fonda preocupación no sector agrogandeiro galego polas graves repercusións que vai ter a entrada de produtos agrarios procedentes de América do Sur, especialmente no sector avícola e no da carne de vacún".


"O acordo permitirá a entrada dun enorme volume de produtos procedentes do outro lado do Atlántico para abastecer o noso mercado e, deste xeito, favorecerá o monocultivo e a

especialización agraria de grandes extensións para o seu posterior traslado a miles de

quilómetros. Trátase de prácticas completamente contrarias á descarbonización, á

recuperación da biodiversidade natural, á soberanía alimentar e ao consumo de produtos

de proximidade. Cómpre tamén destacar que os cultivos e a cría de gando se realizan en

condicións moi diferentes, xa que se permiten prácticas —uso de praguicidas,

antibióticos, pensos, etc.— que non cumpren os mesmos estándares que na Unión

Europea e cuxos controis en orixe non son equivalentes. A isto hai que engadir que, en

moitos casos, as condicións laborais da man de obra empregada non garanten salarios

nin condicións dignas".


Segundo as cifras publicadas, e tal e como sinala o BNG, este acordo suporá a entrada anual de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de aves e 45.000 toneladas de mel procedentes do MERCOSUR, sen aranceis. "En Galiza prodúcense anualmente 95.600 toneladas de carne de vacún, das cales 23.000 están amparadas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, así como 215.000 toneladas de aves e 2.700 toneladas de mel. Se comparamos estes datos coa produción galega, observamos que este acordo supón a entrada na UE dun volume de carne de vacún similar á produción anual de Galiza, e o que é mais grave, sen cumprir ningún dos requisitos esixíbeis á gandería galega. No caso do mel, supón case o dobre da produción total de todo o Estado español, que se sitúa nas 27.400 toneladas anuais".

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

No ano 2023 entrou en funcionamento a PAC para o novo período, coñecida como PEPAC 2023-2027. "Neste ano 2025 xa se comeza a falar do novo período, en principio 2028-2034. A proposta inicial que se está a debater prevé un recorte de máis dun 22 % nos fondos destinados á Política Agraria Común para destinalos á industria da guerra. Parece que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, prefire as armas aos alimentos, os tanques ás labregas e aos labregos. Se xa a PAC nos últimos anos foi negativa para Galiza, é doado imaxinar o que significará un recorte brutal deste calibre. Esta redución do orzamento comunitario para o sector agrario suporía unha baixa de

máis de 84.000 millóns de euros, o que sen dúbida traería consigo graves consecuencias

para o agro, afectando de xeito moi significativo a Galiza. Para o BNG esta proposta é

totalmente inaceptábel, polo que demandamos a súa retirada e que se teña en conta

como punto de partida a resolución aprobada no Parlamento Europeo a favor dun

incremento dos fondos destinados á PAC. Desde o BNG demandamos que este

incremento leve consigo unha distribución que teña en conta fundamentalmente as

pequenas explotacións familiares, a permanencia no territorio, a loita contra o

despoboamento, a remuda xeracional e, por suposto, unha mellora e ampliación dos servizos públicos e un desenvolvemento rural produtivo e respectuoso co medio

ambiente", recalca o Bloque.


Ademais tamén fala de que " a recente chegada ao Estado español da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) sitúa o noso país nunha situación de alto risco para a gandería, tanto de leite como de carne, que vén de enfrontarse nos últimos anos a enfermidades emerxentes que provocaron importantes perdas nas explotacións, como a lingua azul ou a EHE".


Ante todo isto, a través da moción, o BNG demanda:


  1. Instar á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado español a:

a) Oporse ao acordo MERCOSUR-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego e transmitir esta posición ao Congreso dos Deputados, ao

Parlamento Europeo e á Comisión Europea.

b) Rexeitar de forma clara e rotunda a proposta da presidenta da Comisión Europea

de recortar máis dun 22% os fondos destinados á Política Agraria Común para o período

2028-2034.

c) Esixir para o novo período da PAC 2028-2034 unha mellora do financiamento

destinado a Galiza.

d) Establecer por parte da Xunta de Galiza, de xeito inminente, a vacinación

gratuíta contra a Dermatose Nodular Contaxiosa, a realizar por persoal propio da

Consellaría antes da chegada da enfermidade ao noso país, como medida preventiva

fundamental.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

e) Estabelecer medidas adicionais por parte da Consellaría do Medio Rural para

previr a entrada en Galiza da DNC.

f) Exixir da Xunta de Galiza que as indemnizacións por animal nos casos de

baleiro sanitario (DNC) estean actualizadas segundo o prezo real de mercado do gando.

g) Modificar e simplificar as normativas de aplicación da PAC en Galiza, tendo en

conta a nosa especificidade, evitando criterios diverxentes entre consellarías. No Comité

de Seguimento do PEPAC establecerase unha mesa de traballo específica para combater

a burocratización da tramitación das axudas, permitindo a simplificación dos

procedementos administrativos e a unificación de criterios.

h) Promover unha reforma da Lei da Cadea Alimentar con indexación e referencias

a marxes comerciais non abusivas, mellorando o coñecemento dos custos de produción

mediante estudos específicos e a implantación dunha rede de explotacións que permita

obter datos reais das distintas orientacións produtivas.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page